O mercado "Artesanía, Saber e Sabor" impulsa o comercio local en Ribadavia
Trátase dun proxecto de dinamización comercial nas localidades de menor tamaño lanzado pola Xunta
Este Nadal, abriron ademais de xeito efémero nove comercios novos en locais rehabilitados na zona histórica
Ribadavia acolle esta ponte festiva a segunda edición do mercado Artesanía, Saber e Sabor que lanza o proxecto Vilas Vivas de dinamización comercial impulsado pola Xunta nas localidades galegas de menor tamaño.
Os visitantes e compradores poden atopar postos cos selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia e neste Nadal abren ademais nove comercios nos locais rehabilitados na zona histórica da capital do Ribeiro.
Permanecen operativos de xeito efémero mentres se remata o acondicionamento dos que están pendentes para alcanzar os 15 establecementos abertos a mediados de 2026.
Tres dos espazos xa están adxudicados a senllos negocios de repostería e panadería artesás: Pura Vila, A Tafona do Camiño e Coado de Sabores. Estes comercios xa abriron esta fin de semana.
O mercado intenta ser un punto de inflexión para renovar o tecido comercial da vila ourensá. Ata o luns, haberá postos de produtos amparados por este selo e polo de Artesanía de Galicia, que tamén participa con catorce talleres gratuítos e cursos de formación especializada en artesanía do Nadal.
O comercio local terá un espazo na alameda. Ademais, haberá degustacións e catas de viños.