A Xunta vailles reter o 30 % do Fondo de Cooperación Local aos concellos que non limpen as franxas
A medida quere garantir a limpeza nas franxas secundarias próximas a vivendas e quedará recollida na norma que acompaña aos orzamentos de 2026
Elimina a obrigación de contar cun permiso de Patrimonio Cultural para determinados traballos
A disposición recolle que as cantidades retidas serán entregadas cando se emende o incumprimento
A lei de medidas fiscais e administrativas é a vía pola que a Xunta regulará as novidades en varias normas (como as de prevención de incendios ou montes) co fin de tentar garantir a limpeza nas franxas secundarias próximas a vivendas e facilitar a execución destas tarefas en leiras nas que os seus propietarios non o fagan antes de maio.
Co fondo da gran vaga de incendios deste verán, Rueda aproveitou a conferencia de prensa en Celanova, onde este luns reuniuse o Concello, para analizar que na norma que acompaña ás contas de 2026 inclúese unha modificación co fin de promover que os concellos se adhiran ao convenio para a limpeza das franxas secundarias, baixo risco de ser penalizados nos recursos que reciben da Administración autonómica.
En concreto, os municipios que non se adhiran a este convenio para a limpeza das franxas secundarias ou que se declare que incumpren as súas obrigacións reteráselles un 30 % do Fondo de Cooperación Local. A dotación deste fondo para 2026 supera os 187 millóns de euros.
A disposición recolle que as cantidades retidas serán obxecto de entrega cando se formalice a adhesión ou se emende o incumprimento do compromiso. Ademais, entre outras novidades, deberán destinar a prevención e protección contra incendios o 10 % dos seus ingresos.
Así mesmo, elimínase a obrigación de contar cun permiso de Parimonio Cultural para os traballos de xestión do monte que se fagan manualmente ou con rozadoira. En tarefas máis complexas, o informe sectorial substitúese por unha declaración responsable.
A modificación normativa da Xunta non se limita aos traballos no monte, senón que para as actuacións en bens con protección estrutural e ambiental xa non será preciso o permiso previo da Xunta, senón que as poderán autorizar os concellos cando concedan a licenza.
Esta premisa tamén se aplicará para concellos de máis de 50.000 habitantes (as grandes cidades) polos que discorre o Camiño de Santiago, e nas que non afecten o trazado da ruta, os bens estruturais ou as parcelas lindeiras.