Acouga presenta e despide 'Ámbar', "o álbum que non foi"
O 21 de novembro a banda de posthardcore ofrece un concerto en Santiago para pasar páxina dun traballo que non chegou a publicarse pero que interpretaron durante dous anos enriba dos escenarios
A banda Acouga, formada por tres mozos de Pazos de Borbén, e un cuarto integrante de Cerceda, presenta e despide o seu primeiro álbum, Ámbar, cun concerto na sala compostelá Riquela Club.
Será o próximo venres 21 de novembro, nunha noite na que estarán acompañados polos santiagueses Battosai.
Ámbar foi un traballo que non viu a luz, "o álbum que non foi", pero si soou durante dous anos en directo, e que mesmo os levou a ser finalistas nos Premios Martín Códax na categoría de Metal na edición deste 2025.
Despedir un traballo que chegou a publicarse pode ser estraño, pero os membros da banda téñeno claro: “Por cousas da vida non deu saído como esperabamos. En dous anos por causas alleas a nós non demos publicado o disco, así que decidimos non alongalo máis e facer este concerto como un punto e aparte, pasar páxina e abrir unha nova etapa facendo o que máis nos gusta: tocar en directo”.
Din os integrantes de Acouga (Gabri Fuentes, Carlos de Castro, David Martínez e César Ríos Domínguez), que o concerto na sala Riquela será unha declaración de intencións. “Incorporamos sons ambientais, buscamos fiar máis os temas e ofrecer unha experiencia máis completa”, explica Carlos.
Os concertos "non poden ser recitais", sosteñen estes amantes dun directo "enérxico e sen freos" que prometen non regatear esforzos para darlles aos asistentes "un momento para non esquecer".