Publicador de contidos

Publicador de contidos

Son e Mar Vigo: 6 días de festival e 50 artistas dentro da programación do Xacobeo

Son e Mar Vigo: 6 días de festival e 50 artistas dentro da programación do Xacobeo

Celebrarase no peirao de trasatlánticos do Porto vigués os días 4,5,10,11,12 e 13 de setembro 

Todos os concertos serán de balde, salvo a xornada protagonizada polo rapeiro galego Hard GZ

O cartel, que combina distintos estilos, xeracións e formatos musicais, aposta polo "talento local e a cultura galega" 

 

Acto de presentación do festival Son e Mar Vigo. TVG. Acto de presentación do festival Son e Mar Vigo. TVG.
G24.gal 13/05/2026 16:16

O ciclo Son e Mar Vigo chega en setembro á cidade viguesa con seis xornadas temáticas e preto de medio cento de artistas nunha proposta incluída na programación dos Concertos do Xacobeo que aspira a converterse nun dos grandes acontecementos culturais do noroeste peninsular.

O festival foi presentado este mércores nas inmediacións do Náutico de Vigo pola delegada da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, que destacaron o carácter colaborativo dunha iniciativa impulsada xunto ao Porto de Vigo.

Acceso gratuíto a todos os concertos, agás o do rapeiro Hard GZ

Segundo explicaron, se trata dunha “aposta transversal” entre as tres administracións, cunha programación que terá acceso libre ata completar capacidade, salvo a xornada protagonizada polo rapeiro galego Hard GZ, que será a única de pago do ciclo.

A vicepresidenta provincial subliñou ademais a aposta polo “talento local e a cultura galega” dentro dun cartel que combina distintos estilos, xeracións e formatos musicais ao longo de seis xornadas no peirao de transatlánticos.

O festival desenvolverase durante dúas fins de semana consecutivas de setembro e prevé reunir a máis de 30.000 persoas en total, convertendo o porto de Vigo nun gran recinto musical ao aire libre.

Homenaxe á "movida viguesa"

A programación arrincará o 4 de setembro coa xornada Nados para bailar, centrada na música dance e os grandes éxitos dos anos 90, nunha cita pensada para o público interxeracional.

O 5 de setembro terá lugar Aqueles marabillosos 90, mentres que o 10 de setembro será a quenda de Unifes, unha proposta dirixida ao público universitario e xuvenil que xa tivo percorrido noutras cidades galegas.

O 11 de setembro celebrarase Lingua Urbana, con Hard GZ como protagonista, unha das citas máis esperadas do ciclo.

O 12 de setembro chegará A Movida Viguesa, unha xornada que reunirá a bandas e artistas históricos da cidade como Golpes Baixos, Seme Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompei, nunha homenaxe á escena musical viguesa.

O peche do festival será o 13 de setembro con Orballo Cultural, unha xornada dedicada á música galega contemporánea e de raíz, cuxo cartel completo aínda non foi desvelado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade