A xornada arrinca con máis de 30 ºC tras unha noite de durmir coas xanelas abertas
As mínimas na maior parte do país non baixaron dos 25 graos durante a madrugada
Galicia chegou o mércores aos 42,4 graos e Ourense segue este xoves en aviso vermello

Os termómetros marcan xa máis de 30 graos en varios puntos da costa e tamén do interior de Galicia, que se prepara para unha nova xornada de intensa calor despois doutra noite tropical que deixou mínimas por encima dos 20 graos na maior parte do territorio galego.
Segundo os medidores de Meteogalicia, puntos da costa atlántica galega nas Rías Baixas superaban xa os 30 graos cos primeiros raios de luz do día.
A máxima ao arranque da xornada volve estar en Lira, no concello de Carnota, cos 35,4 graos que alcanzou a estación de Meteogalicia ás 06:50 horas da madrugada.
Baiona tamén pasou os 35 graos, mentres que Ribeira, Mondariz e as Illas Cíes pasaron os 33 graos durante a madrugada.
E é que a calor nocturna volveu ser protagonista, con mínimas que en gran parte da comunidade non baixaron dos 25 graos.
Mesmo na comarca da Mariña se viviu unha madrugada de altas temperaturas, cos termómetros ao redor dos 20 graos.