Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ourense chega aos 32 graos, nunha xornada de bochorno e treboadas

Ourense chega aos 32 graos, nunha xornada de bochorno e treboadas

Contra as seis da tarde a treboada comezou descargar con intensidade en boa parte da provincia

G24.gal 26/04/2026 22:41 Última actualización 26/04/2026 22:55

As nubes comezaron a chegar, sobre todo, a primeira hora da tarde e mesmo resultaba difícil atopar un pedazo de ceo azul. A calor, iso si, era intensa.

"Está moi forte a calor e hai moita humidade, un sae así en pantalón curto e camiseta".

"Benvida, para min benvida a calor".

Pois 32,2 graos chegaron a marcar os termómetros en Ourense, cunha sensación intensa de bochorno.

"É horrible, eu xa viña dicindo: é que me estou mareando. Vai tanta calor ou é que mo parece a min? Ademais a auga que cae nin se nota sequera, hai tanto bochorno!".

Cada tanto chuviscaba e o vento ía soplando con máis intensidade pero o ceo parecía non decidirse.

"Caeu un pouco pero bueno, aguántase, e agora coa calor, nada máis".

A calma non ía durar moito e os máis precavidos xa saían preparados da casa.

"Preparada para o que poida pasar, que xa me pasou outras veces saír sen nada e acabar empapada, así que por se acaso".

E tanto que cumpríu, contra as seis da tarde a treboada comezou descargar con intensidade en Ourense. A chuvia caeu con forza, o que provocou diversas incidencias e mesmo que saltaran algúns sumidoiros.

Durante algo máis de media hora os paraugas, para quen tiña a sorte de levalos, non parecían dabondo e moitos tiveron que buscar acubillo.

Pero as treboadas non quedaron só na cidade de Ourense, durante toda a tarde percorreron boa parte da provincia. Na zona leste aínda poderían volver nos vindeiros días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade