Investigan a morte dun mozo de 18 anos que caeu a un río en Pontevedra
O mozo foi reanimado polos servizos de emerxencia, pero, finalmente, faleceu no Hospital Montecelo, a onde fora trasladado
A Policía Nacional identificou un menor que estaba co mozo no momento dos feitos e que recoñecería que discutiran minutos antes
O delegado do Goberno di que na investigación están "todas as liñas abertas"
A Policía Nacional investiga a morte dun mozo de 18 anos no río Gafos, en Pontevedra.
No serán deste martes, a Policía Local acudiu ao paseo do río Gafos, á altura da ponte de Rosalía de Castro, para atender unha persoa que, supostamente, caera ao río. Varios particulares alertaron o 112 Galicia minutos antes das 20:00 horas. Estas persoas solicitaban asistencia sanitaria para o home, que fora rescatado do río. Tamén falaban de que previamente se producira unha pelexa na zona.
As cintas policiais sinalan os posibles escenarios da traxedia no paseo fluvial do río Gafos entre as rúas Rosalía de Castro e Ponte Nova. Á falta de confirmación oficial, testemuñas aseguran que todo comezou cunha liorta en que se viu involucrada a vítima e outras persoas. No medio da pelexa, ben a causa dun golpe ou accidentalmente, o mozo caeu á auga. Unha testemuña alertou as forzas de seguridade.
Fontes da Policía Nacional confirmaron que os servizos sanitarios o atenderon no punto e chegaron a trasladalo ao Hospital Montecelo, pero finalmente non se puido recuperar e faleceu.
As mesmas fontes subliñaron que non se detivo por agora ningunha persoa por este incidente, aínda que si se identificou un menor, que estaba co mozo no momento dos feitos e que recoñecería que discutiran minutos antes.
A Policía Nacional investiga o suceso e analiza as cámaras de seguridade da zona, á espera da autopsia para coñecer o ocorrido, xa que outras testemuñas falaban dunha posible pelexa previa. Por agora, non se descarta ningunha hipótese.
"Todas as liñas abertas"
A Policía Nacional mantén "todas as liñas abertas" na investigación da morte dun mozo de 18 anos ao que rescataron este martes dun río de Pontevedra aínda con vida, pero que finalmente faleceu no hospital ao que foi trasladado.
Así o indicou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, este mércores aos xornalistas en Pontevedra, onde dixo que a Policía está "a investigar absolutamente todo" sobre este caso e pediu que se deixe traballar as forzas e corpos de seguridade do Estado.