Galicia apúntase á calor e en Ourense rozan os 39 graos
As temperaturas cumpren as previsións e a vaga de calor deixa rexistros de máis de 37 graos en Valdeorras, Laza e Verín
O interior da provincia de Pontevedra, con alerta vermella, acada os 34 graos en Mondariz
Meteogalicia prevía acadar máximas de 39 graos na provincia de Ourense e as tres e media a cidade das Burgas deixaba o rexistro nunha décima menos, 38.9. Iso si, medidos á sombra. Pouco despois Vilamartín de Valdeorras, Laza e Verín superaban os 37 graos. Mentres na urbe ourensá a xente deixaba baleira a rúa e refuxiabase desesperadamente en zonas de sombra e refrescantes fontes.
Unha masa de aire africana está detrás da suba de temperaturas, e xa obrigou a xunta a decretar un aviso de nivel laranxa para o noroeste da provincia ourensá, a conca do Miño, a zona de Montaña e a comarca de Valdeorras. Na maior parte da provincia superáronse os 31 graos, segundo as medicións de Meteogalicia.
"En anos pasados a calor aparecía en agosto e agora cada vez vai máis calor e por máis tempo. Non podemos aguantar sen ir á piscina. Estamos aquí dando voltas a piques de morrer", comenta un veciño de Ourense.
Na provincia de Pontevedra a calor non foi tan pronunciada, mais fronte a placidez do litoral, que rondaba en moitos casos os 27graos, no interior Mondariz marcaba case 34 graos e Tomiño e Lalín 32. De feito, contaban co nivel vermello de alerta activado.
Hai pouco máis dunha semana que en Galicia os termómetros superaban marcas históricas.