Publicador de contidos

Publicador de contidos

A produción de resina nos montes galegos está en plena campaña

A produción de resina nos montes galegos está en plena campaña

Os resineiros afirman que é un negocio rendible, cun mercado moi amplo pero que falta xente para sacarlle todo o proveito

G24.gal 25/05/2025 09:38 Última actualización 25/05/2025 10:06

A comunidade de montes de Baroña, en Porto do Son, foi pioneira en retomar unha actividade perdida durante anos e actualmente encabeza en Galicia a produción de resina, un material altamente versátil.

"Ten unha alta demanda para a industria química, cosmética, de alimentación... é dicir, ten moitos usos. Calquera persoa ten nestes momentos algo no seu corpo que se fixo con resinas naturais", afirma o presidente da Comunidade de Montes de Baroña, Ovidio Queiruga.

Nestes montes están en plena campaña de produción. Aquí empregan dous métodos de extracción: cun pote aberto e incisións nas árbores e con bolsas herméticas para lograr o produto sen impurezas.

"A resina non se traballa todo o ano. Trabállase arredor de nove meses ao ano. Polo tanto, se lle queres dar unha maior rendibilidade, tes que complementala con outros aproveitamentos como a gandería, a apicultura ou mesmo a madeira", explica Ovidio Queiruga.

O presidente da comunidade de montes de Baroña puntualiza que ademais dos cartos que se lle poidan sacar hai que pensar tamén nos beneficios ambientais e sociais.

"Que este monte estea coidado, que o resineiro poida acceder ben, supón tamén prevención de incendios, mellora da biodiversidade, etc, ect", subliña.

Galicia, coa súa extensión de piñeiros, ten un potencial moi grande como produtora de resina. Hai, porén, déficit de produción, tanto aquí coma no conxunto de España. Faise preciso importar resina de fóra, do Brasil, da China... porque falta xente que queira traballar no monte.

"Son aproveitamentos moi fáciles de facer. A forma de traballar é moi cómoda. Animamos a todo o mundo a explorar un pouquiño este aproveitamento. En Galicia temos un potencial altísimo. Se fósemos capaces de levalo adiante sería unha base importantísima de creación de emprego", asegura o presidente da Comunidade de Montes de Baroña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade