Os retos pendentes nos montes do Courel tres anos despois do gran incendio
Dúas asociacións da serra lucense organizan un percorrido polo monte arrasado para analizar a súa evolución
Unha das principais conclusións é que o bosque autóctono é o gran defensor do territorio fronte ao lume
A Asociación Galega de Custodia do Territorio colabora co proxecto CAPRIF sobre as paisaxes resilientes aos incendios e tamén coa asociación de Desenvolvemento Serra do Courel para desenvolver esta actividade.
Trátase dun percorrido por algunhas das zonas de montaña arrasadas polo lume no ano 2022, para observar a evolución da flora e da fauna tres anos despois da traxedia.
Vilamor, pertencente ao concello de Folgoso do Courel, é unha das pequenas aldeas afectadas polas lapas incluída nesta andaina de carácter didáctico. O biólogo Guillermo Díaz considera que hai unha conclusión clara.
"O bosque autóctono e os soutos son a mellor defensa do territorio fronte ao lume", asegura este membro da asociación Desenvolvemento Serra do Courel.
Segundo explica, durante os incendios protexeron as aldeas do lume e agora constitúen a mellor garantía de rexeneración da flora e da fauna tradicional.
Porén, subliña, non o teñen doado porque as especies alóctonas sempre aproveitan a debilidade do monte queimado para medrar e expandirse.
