Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Trial da Ribeira Sacra combina deporte, natureza e gastronomía

O Trial da Ribeira Sacra combina deporte, natureza e gastronomía

Na novena edición desta proba de montaña participan 471 corredores e corredoras de once países

A organización ofrece unha experiencia única polos montes do concello de Nogueira de Ramuín

Tamén ofrece unha degustación de produtos galegos con denominación de orixe

 

A proba comezou ás oito da mañá do domingo
G24.gal 12/10/2025 15:23 Última actualización 12/10/2025 17:08

Os montes do concello de Nogueira de Ramuín son o privilexiado escenario dunha proba de montaña que combina deporte, natureza e gastronomía da terra. 

Falamos do IX Trial Ribeira Sacra que se celebrou este domingo, un percorrido circular de 48 quilómetros e 3.450 metros de desnivel positivo.

Comezou ás oito da mañá e contra as dez empezaron a chegar os primeiros corredores ao Parador de Santo Estevo, uns con máis enerxía ca outros.

"Tiven que parar porque levo os pés un pouco sensibles e un compañeiro deume unha crema e acábame de dar a vida", explica un corredor que veu desde Nigrán. 

"Gozando moito, é un gran carreira, así que volveremos", di outro corredor.

"É a primeira vez, pero moi ben, a organización, os voluntarios, toda a xente moi ben", apunta outro dos participantes. 

Nesta novena edición están inscritos 471 participantes de once países, entre eles Corea, o Canadá ou Dinamarca. E tras os primeiros 16 quilómetros toca repor folgos. 

No traxecto, hai moita xente animando e gozando do deporte, a natureza e a beleza do lugar

"O enclave é espectacular, marabilloso, non hai mellor lugar para esta proba que este sitio", apunta unha visitante andaluza. 

Mentres, na praza de Luíntra preparan con agarimo unha ampla mostra da gastronomía galega con Denominación de Orixe, desde os queixos de San Simón ou de tetilla, ata o pan de Cea ou as castañas. E como non, maridado co viño da Ribeira Sacra e os doces e bicas da zona. 

"Imos darlles unha experiencia completa e única, veñen a correr, veñen a vivir Luíntra, veñen a vivir deporte e os montes de Nogueira de Ramuín, e despois imos agasallalos cun variado moi amplo de produtos galegos con denominación de orixe, para eses corredores que poidan probar o mellor que temos na nosa terra", explica a responsable da Gastroexperiencia Trial Ribeira Sacra, María Fernández Vázquez. 

Deste xeito, o Trial Ribeira Sacra convértese nunha experiencia única máis aló da proba de montaña.

Os primeiros corredores foron chegando contra as dez ao mosteiro de Santo Estevo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade