O voluntariado traballa na recuperación ambiental despois dos incendios
Este sábado comezaron diferentes programas de voluntariado da Xunta e de Abanca
Os voluntarios elaboraron barreiras naturais para evitar escorrentías cando cheguen as choivas
Botaron palla na zona do Rego da Mourela, en Manzaneda, para que o solo rexenere
Os labores de acolchado de palla estanse facendo nas zonas de maior risco hidrolóxico e erosivo. O obxectivo é evitar escorrentías en canto cheguen as choivas e crear unha coberta protectora porque o chan é o que máis tarda en rexenerar. Hoxe o voluntariado da Obra Social de Abanca desdenvolveu a súa primeira actuación.
"Hoxe empezamos aquí, no Rego da Mourela, tratando de achegar o noso grao de area para protexer estes acuíferons, nesta contorna tan espectacular que é manzaneda" aseguraba Rubén Saavedra, director territorial de Abanca en Ourense
"Intentamos contribuír a facer barreiras naturais para evitar que, en caso de choivas torrenciais, acaben chegando aos acuíferos e contaminen coa cinza que quedou despois dos incendios"
Esta actividade enmárcase no Plan de Acción contra os incendios que ademais da restauración ambiental inclúe unha liña de financiamento para os afectados.
"Desde un primeiro momento estivemos moi pegados á sociedade, aos veciños, aos empresarios e diferentes organizacións sectoriais que forman parte desta comarca na que temos unha presenza moi relevante. Queriamos detectar as principais necesidades nas que podiamos poñer o noso grao de area. E puxemos en marchar a doazón dun millón de euros de liñas de anticipos a interese 0, e unha serie de accións de voluntariado como o deste ano e para o ano que vén enfocadas aos procesos de reforestación", asegurou Saavedra
Ademais Abanca impulsará accións de formación e concienciación cidadá sobre a prevención dos lumes.
Esta primeira actividade de voluntariado marca o inicio do Plan de Acción contra os incendios deseñado por Abanca, en colaboración con Afundación.
O plan inclúe unha liña de financiamento de 150 millóns de euros para familias e empresas, anticipos para as indemnizacións de seguros e outras axudas públicas e adiantar axudas da PAC ao 0 %.
Tamén ten unha dotación dun millón de euros para adquirir material e outros recursos para a prevención de futuros lumes, como drons e kits de emerxencia con material de resposta rápida.
Por último, impulsaranse accións de formación e concienciación cidadá sobre prevención e resposta inmediata a incendios e colaborarase con proxectos de investigación.
Nas accións de voluntariado de Abanca colaborou a Xunta, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Manzaneda.
Galicia, e especialmente a provincia de Ourense, foi unha das comunidades máis afectadas pola onda de lumes forestais o pasado mes de agosto, que arrasaron máis de 140.000 hectáreas
A Xunta convocou un total de 650 prazas no seu programa de voluntariado para realizar actuacións en espazos protexidos
Varios programas de voluntariado arrincaron esta fin de semana nas zonas devastadas polos incendios o pasado agosto na provincia de Ourense, para construír estruturas que impidan que as choivas arrastren o terreo calcinado e contaminen ríos e acuíferos.
A Xunta convocou un total de 650 prazas no seu programa de voluntariado para realizar actuacións en espazos protexidos dunha ducia de municipios, que empezaron este fin de semana pero que se desenvolverán durante todo o mes.
Trátase dos municipios da Veiga, Baltar, Beade, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Larouco, Manzaneda, Oímbra, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Vilariño de Conso.
Os voluntarios participan en intervencións para colocar acolchados de palla, fibras de madeira e outros materiais para crear faixas protectoras en zonas afectadas polo lume e con pendentes elevadas, unha técnica coñecida como 'mulching'.
Esta técnica considérase a medida preventiva "máis efectiva e rápida" para minimizar os riscos de erosión tras un incendio, xa que o lume fai desaparecer a vexetación que protexe o chan e déixao máis exposto á choiva, destacou a Consellería de Medio Ambiente.
Ademais, o lume pode xerar unha capa de terreo que repele a auga, polo que aumenta moito a escorrentía superficial e provoca problemas hidrolóxicos que elevan o risco de erosión e o transporte de cinzas e terra que poden afectar os ríos e as captacións de auga.
Os voluntarios tamén participaron na repartición manual de alimentos e auga para a fauna.