Publicador de contidos

Publicador de contidos

Oímbra recrea a pisada e o prensado das uvas nos lagares rupestres

Oímbra recrea a pisada e o prensado das uvas nos lagares rupestres

O que antes era unha xornada de traballo agora é unha festa para homenaxear a viticultura tradicional e o patrimonio 

Tentan recuperar o legado enolóxico e que a xente nova poida coñecer como traballaban os seu antepasados

É o concello de Galicia cunha maior concentración de lagares rupestres, ten 20 construcións restauradas

G24.gal 11/10/2025 15:33 Última actualización 11/10/2025 16:34

O concello ourensán de Oímbra volve ao pasado para renderlles unha homenaxe á viticultura tradicional e tamén ao seu patrimonio arqueolóxico. Nun dos seus lagares rupestres recrean a pisada tradicional da uva, tal como xa facían os romanos hai uns 2.000 anos.

Neste lagar restaurado coñecido como Xan de Preto desde o século II, a veciñanza de Oímbra viaxa no tempo para revivir a pisadura tradicional da uva, tal como facían os seus antepasados. 

"É recordar a nosa nenez, cando se facía nas casas de cada un", di un veciño. 

"Xa desde 2018 que empezamos e recórdanos cando de pequena o faciamos así, o viño", explica a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino. 

O que antes era unha xornada de traballo agora é unha festa histórica, que serve para lembrar a súa herdanza vinícola. E do lagar sae o primeiro mosto do que será o viño.

"Isto parece champaña. Aínda non o probei pero penso que debe estar bo, porque isto é o mellor da uva, o mosto", asegura un veciño.

"Ao pisalo sae o mosto, e logo ao prensalo sairá un pouco máis", asegura outro.

A historia do municipio está ligada desde sempre ao viño e esta xornada serve tamén para que os máis pequenos coñezan os labores tradicionais.

"É un pouco revivir o pisado tradicional  e volver ás nosas raíces. Temos uns dos mellores viños do mundo, de España e de Galicia", apunta Manuel Vázquez, o presidente da D. O. Monterrei.

É unha festa para pór en valor o seu patrimonio arqueolóxico, cultural e enolóxico. O de Oímbra é o concello de Galicia coa maior concentración de lagares rupestres, con 20 construcións restauradas que se remontan ao século II, na época dos romanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar