A sueca Eurobattery comeza a traballar na mina de volframio da Gudiña
É a segunda explotación da península de tungsteno, un mineral que a Unión Europea considera "estratéxico"
O xacemento, cunhas reservas de 60.000 toneladas, coñécese desde os anos 70 pero nunca se explotou
.jpg)
A mineira sueca Eurobattery Minerals, a través da súa filial galega Tungsten San Juan, iniciou os traballos para extraer volframio na Gudiña, segundo informa este sábado a empresa.
A explotación ao descuberto xa é visible nos primeiros movementos de terra e nunha nave de servizos na parroquia de Pentes. A compañía lembra que o volframio está considerado un mineral "estratéxico" pola Unión Europea.
A mina de Pentes, cunhas reservas de 60.000 toneladas, é a segunda explotación de tungsteno de España, onde xa opera a mina de Barruecopardo (Salamanca). Ademais, hai outro proxecto en Abenójar, en Ciudad Real, denominado El Moto.
Desde 2016, a empresa Tungsten San Juan levou a cabo campañas de investigación xeolóxica, sondaxes, estudos de viabilidade e a construción de accesos e instalacións auxiliares na localidade, ademais da adquisición de maquinaria e infraestruturas técnicas axeitadas.
Este longo proceso avala, a xuízo de Eurobattery, "a seriedade e a planificación coa que se chegou ao comezo dos traballos".
Eurobattery Minerals comprou o verán pasado o 51% da empresa Tungsten San Juan, propietaria dos dereitos mineiros da mina de volframio de Pentes, ata entón vinculada a Sacyr, nunha operación de 1,5 millóns de euros.
O xacemento coñécese desde os anos 70 pero nunca se explotou.