Celta Fortuna e Ourense C. F. poñen as ocasións pero non os goles en Barreiro
Foi un derbi cheo de alternativas, e tamén con moita actividade do FVS
Álvaro Ratón, heroe dos ourensáns cunha dobre parada nun penalti de Hugo González
O derbi de Barreiro acabou sen goles, malia a que Celta Fortuna e Ourense C. F. gozaron de boas ocasións para levar o triunfo. A primeira levou a sinatura de Óscar Marcos, que remataba desde a frontal para obrigar á estirada de Marqueta. Despois era unha cabezada de Álvaro Marín a que levaba o perigo, e a primeira aproximación ourensanista despexouna a córner Joel López, moi preto do pau. O Ourense C. F. achegábase con perigo, pero non era quen de rematar entre os tres paus, malia a varios barullos na área de Coke.
A segunda metade comezaba cun aviso de Ángel Arcos, que remataba moi cruzado e, xusto a seguir, un gran remate de Antañón rexeitábao a madeira, e o árbitro revisouna por se traspasara a liña, pero non foi así.
Era un partido de alternativas, e o cadro visitante gozou entón dun par de ocasións claras que tampouco transformou. Outro remate afastado de Joel López, no minuto 70, volveuse estrelar no poste de Marqueta.
Entrou o partido no treito final co Fortuna intensificando o dominio, e pedindo revisión por un posible penalti que viu o colexiado no monitor. Pero Hugo González, o home gol do filial, topou con Álvaro Ratón, que rexeitou tamén o segundo remate. O Celta Fortuna estragaba a súa mellor ocasión, e puido chegar entón o gol da vitoria do Ourense C. F. Pero o gol de Marco Camus foi anulado por fóra de xogo. Para o engadido quedou a expulsión de Burcio, tamén por revisión, e un posible penalti sobre Amín que non foi sinalado.
Empate sen goles en Barreiro que deixa o Celta Fortuna con 14 puntos e o Ourense C. F., con 4.