Prisión provisional e sen fianza para o home que apuñalou 23 veces un veciño en Vilardevós
A xuíza aprecia risco de fuga, destrución de probas e posible reiteración delituosa
A vítima continúa ingresada no hospital de Ourense con prognóstico grave
Deteñen no hospital de Verín un home por tentativa de homicidio tras apuñalar 23 veces o seu veciño

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Verín acordou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza do home acusado de apuñalar 23 veces un veciño en Feilas, no municipio ourensán de Vilardevós.
O detido, de 63 anos, está investigado por un delito de homicidio ou de asasinato en grao de tentativa.
A xuíza sostén que existe risco de destrución de probas, de fuga e de posible reiteración delituosa, debido á gravidade da pena asociada aos feitos.
A instrución continúa aberta e prevé novas dilixencias de investigación.
Todo empezou cunha discusión por unha débeda
O suceso tivo lugar o luns ás catro da tarde, cando o agresor acudiu á casa do veciño para reclamar presuntamente o pago dunha débeda.
Durante o enfrontamento, asestoulle 23 puñaladas e despois autolesionouse nunha man, polo que foi trasladado ao hospital de Verín. Dúas horas e media despois, a Garda Civil detívoo.
A vítima foi evacuada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde permanece ingresada con prognóstico grave.