Enfronta quince anos de pena por acoitelar a un compañeiro en Rianxo
Vítima e agresor compartiran marea pero ambos negan que tiveran enfrontamentos previos
O acusado di que respondeu a unha provocación pero a Fiscalía sostén que foi un ataque por sorpresa
Xulgan por intento de homicidio o home que atacou un compañeiro de traballo o verán pasado en Rianxo. Compartiran marea e estaban en período de descanso, pero os dous coincidiron en que nunca antes tiveran desencontros.
Vítima e agresor coincidiron en que no barco apenas tiñan trato e que non había rancores. Foi do pouco no que cadraron ambos relatos.
"Era unha persoa conflitiva cos compañeiros pero conmigo nunca tivo nada. Ningún problema", asegura o acusado a respostas a Fiscalía.
Daquela a conta de que? Nin se preguntou nin se contou, e quizais aí estea a clave. Ocorreu o pasado verán, o 17 de agosto en Rianxo, no garaxe da vítima, un mariñeiro de constitución forte. Recibiu varias coiteladas por parte do seu compañeiro, segundo a fiscalía, sen posibilidade de defenderse.
Primeiro, no lombo, e cando se virou, tamén por diante.
Pola contra...
"Insultoume, empezamos a pelexar. Tiña alí un coitelo e collémolo. Caemos os dous enriba do coitelo e eu penso que foi cando fixo as lesións no lombo", engade o home, en prisión preventiva dende o agosto.
Tamén a súa muller acabou con cortes, cando lle quixo sacar o coitelo ao home que agora senta na cadeira como acusado. O matrimonio insistiu unha e outra vez nunha frase do suposto agresor: "Voute matar". El negouna.
"Eu xamais lle dixen ningunha das palabras que pon no informe", repite varias veces.
Enfróntase a quince anos e medio de prisión, a cinco máis de liberdade vixiada, a indemninzar a parella e a non achegarse a eles.
"Estanse pedindo unha penas considerablemente elevadas por un suposto asasinato en grao de tentativa. Nós consideramos que, como moito, pode ser un delito de lesións agravadas derivadas do enfrontamento que tiveron as partes", sostén o avogado defensor.
Arrepíntese, segundo confesou na sala de caer na provocación.
"O meu erro foi non ir ao cuartel da Garda Civil e porlle unha denuncia pero foi un erro e por iso estou aquí".
Habería que saber que traían de atrás.