Publicador de contidos

Publicador de contidos

Noia reclama con graffiti a defensa da súa ría e da natureza

Noia reclama con graffiti a defensa da súa ría e da natureza

Un concurso xuvenil enche de símbolos a vila para reclamar unha maior concienciación ambiental

Os gañadores están a plasmar os seus deseños nos sumidoiros a xeito de reivindicación

G24.gal 11/10/2025 15:01 Última actualización 11/10/2025 15:14

Esta fin de semana a veciñanza de Noia está contemplando asombrada como en varios sumidoiros da vila están aparecendo graffiti  acompañados dunha lenda a prol da defensa do medio.

A idea partiu da asociación Noia Limpa, que organizou Riarte, un concurso xuvenil para concienciar a xente do impacto do lixo urbano e de como afecta ás rías a través dos sumidoiros.

"Realizamos un concurso de arte urbana centrada en que teñamos deseños anticontaminación para poñer nos sumidoiros", conta Madison Ann Hourihan, da asociación.

Ao concurso concorreron unha trintena de proxectos dos que se premiaron dez, aínda que o máis importante recaeu nunha moza de Vigo coa súa integración do sumidoiro dentro do graffiti.

"O deseño consiste en aproveitar a forma do sumidoiro e transformalo nunha lata de sardiñas a medio abrir, xunto coa frase: 'Todo o que botes aquí pode volver ao teu prato'. É unha mensaxe moi potente e moi visual para a xente que habitualmente tira as cabichas na rúa", explica Andrea Guisande, gañadora do premio principal do concurso.

Os gañadores do concurso teñen a oportunidade de plasmar os seus deseños nas rúas de Noia para concienciar a xente, unha idea que está a ter unha boa acollida entre a veciñanza.

Nesta xornada realizaranse os tres graffiti que quedan por completar dos premiados e tras o éxito, dende a asociación Noia Limpa prometen repetir a experiencia e aproveitan para pedir voluntarios comprometidos coa defensa da ría e cunha relación sostible co medio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade