A afección polos bonsais medra en Galicia grazas ao traballo de asociacións e profesionais
Representan auténticas obras de arte vivas que unen beleza, técnica e unha conexión especial coa natureza
En Galicia hai destacados expertos pero cada vez hai máis talentos emerxentes e niso teñen moito que ver as asociacións
Galicia xa celebrou congresos con participantes de varios países que son fundamentais para compartir coñecementos
Os bonsais son moito máis que simples plantas. Representan auténticas obras de arte vivas que unen beleza, técnica e unha conexión especial coa natureza. Galicia conta con destacados expertos pero cada vez hai máis talentos emerxentes e niso teñen moito que ver as asociacións que imparten cursos e talleres de formación. Unha arte milenaria que cada vez atrapa a máis afeccionados.
O bonsai naceu na China como un símbolo da eternidade, pero foron os xaponeses os que levaron as técnicas do cultivo e deseño ao máximo nivel de refinamento con grandes doses de constancia e de paciencia. Diso sabe moito José Freire, un dos mellores afeccionados de Galicia, que dese xeito logrou un xardín ben fermoso.
José Freire organiza a exposición da camelia de Padrón e quixo sumar outras especies. Luis Baliño é un dos maiores expositores de España e colaborou levando algúns bonsais. Ese foi o xerme para entrar neste mundo que tanto engancha.
O bonsai é 95 % de agricultura e 5 % de arte porque o prioritario é que sexa unha árbore sa, e cos coñecementos e técnicas axeitadas, pódense crear verdadeiras marabillas arredor dun concepto fundamental: a harmonía.
Por iso é tan importante o traballo das asociacións que imparten cursos para adquirir os primeiros coñecementos ao igual que os talleres que organiza Alberto Baleato, seguramente o maior profesional de Galicia.
Galicia xa celebrou diferentes congresos con participantes de moitos sitios de España e doutros países que son unha peza clave para compartir coñecementos e aprendizaxes á vez que logran poñer a Galicia no mapa europeo dos bonsais.