Publicador de contidos

Publicador de contidos

As zonas fluviais, oasis de interior en plena natureza para loitar contra as altas temperaturas

As zonas fluviais, oasis de interior en plena natureza para loitar contra as altas temperaturas

G24.gal 30/05/2026 15:30

As altas temperaturas dos últimos días achegáronse practicamente a valores típicos do verán. E co termómetro por riba dos trinta graos, nas zonas do interior de Galicia, achéganse os ríos na procura dun fresco que se fai de rogar. Por sorte alternativas non faltan, pequenos oasis de interior en plena natureza, lonxe do ruído e as aglomeracións. 

A uns mil metros de altitude na Serra do Faro de Avión, nace o río Cerves, e chega a comarca do Ribeiro para darlle forma as pozas de Melón. Aquí esculpe a pedra entre pequenos laberintos de piscinas naturais, que ofrecen refuxio os que, aínda lonxe do mar, buscan escapar da calor da cidade. A beleza do lugar é a primeira sorpresa para os visitantes, a segunda a tranquilidade que se respira.

"Sorprendeunos bastante porque por desgraza na zona na que vivimos, atopar un sitio así, con tan pouca xente, tan limpo e a auga tan coidada e que inda por riba poidamos vir cos cans é prácticamente impensable porque todo está súper masificado e tampouco temos esta cantidade de auga entón foi unha sorpresa increíble. É precioso, e cando non o tes e o ves, aínda máis".

As pozas de Melón son ben coñecidas na zona, están moi preto de Ribadavia e non é difícil chegar ata aquí. Por iso a procedencia dos visitantes é tan variada.

"Son de Sarriá, da zona de Alacant, e estamos aquí de vacacións, visitando a zona de Ourense e hoxe gozando un pouco do río e da boa temperatura que tendes por aquí. Non imaxinabamos algo así, non tiñamos nin idea e sorprendeunos un pouco a verdade".

Un río de conto no interior de Ourense, que coma un segredo espallado entre moitos segue a sorprender mesmo a quen coñece de sobra o lugar.

"Acostumamos vir aquí dende novas, é un sitio moi bonito, estamos falando de que Galicia é fermosa. eu vivo nos Estados Unidos agora, estaba falando cun amigo de alá, mandeille fotos e dixo que parecía un conto de fadas, é que é unha tolemia. Estamos aquí coma nun spa privado".

O río Cerves remata a súa andaina no río Miño, e aí atopamos un deses lugares nos que a auga cobra todo o seu sentido. Na parte máis ancha do cauce o parque náutico de Castrelo revive coa chegada do bo tempo. O lugar quedará case pequeño no verán, pero agora a finais do mes de maio convértese en case un luxo para os visitantes.

"Se tes coche e gañas de bañarte ben, este sitio é moi bo. Esta época do ano é a mellor".

Augas calmas as de Castrelo que son unha benvida e todo un agasallo para os amantes dos deportes náuticos e para aqueles que foxen dos rigores das altas temperaturas e o verán adiantado.

"En Ribadavia mesmo está a Veronza, está o río, pero aquí hai máis espazo, é máis cómodo, non hai moita xente normalmente. en pleno verán dependendo da hora é máis incómodo, pero estes días que a xente aínda traballa, ten colexio, actividades, estase xenial. E co verán adiantado, unha marabilla".

Esta viaxe polas augas do interior lévanos agora ata a Ribeira Sacra. Alí o concello do Saviñao agocha unha das áreas fluviais máis sorprendentes. Bosques e viñedos protexen a praia da Cova ós pés do Río Miño.

"Chama moito a atención pola contorna, estase moi ben, a auga está quentiña, é un remanso de auga ademáis que non ten ningún tipo de perigo e estase ben. É un retiro moi bo para desconectar do día a día e é segura. Somos moi privilexiados por ter unha contorna así e poder difrutala en media hora".

Nada ten que ver cunha praia, pero en días como a de hoxe semella que non se bota en falta. Nen sequera os que viven a carón do mar son quen de abstraerse da beleza sorprendente do lugar.

"Toda Galicia é espectacular, tanto a costa, que sempre tiramos a costa, pero é certo que sitios coma este, con esa praia e as árbores todo darredor, é fantástico. A min sorprendeume moitísimo, a verdade".

"Polo camiño hai sitios espectaculares cen por cento. Destes que paras. E mira que nós temos as Fragas do Eume que son marabillosas, pero os canóns aquí... espectaculares, non se me ocorre outra palabra".

E das beiras da Ribeira Sacra subimos ata o teito de Galicia, o concello da Veiga. Alí a máis de 840 metros sobre o nivel do mar o encoro de Prada acolle a praia dos Franceses, situada na área fluvial do Río Xares, é a primeira praia fluvial da provincia de Ourense que acada a bandeira azul. 

A natureza non escatima en lugares únicos nos que lonxe do mar a auga dos ríos e os encoros nos ofrece unha alternativa coa que escapar das inclemencias da calor. O interior aposta pola beleza e a tranquilidade destes oasis de interior, pequenas xoias da nosa natureza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade