Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aire acondicionado ou ventilador: que é mellor para combater a calor?

Aire acondicionado ou ventilador: que é mellor para combater a calor?

Loitar contra as altas temperaturas supón todo un reto en moitos fogares

G24.gal 21/07/2026 14:09

O verán semella non precisar descanso e os termómetros lembran cada pouco que a calor non dá tregua. Loitar contra as altas temperaturas supón todo un reto en moitos fogares.

"Puxen aire acondicionado este ano, poque o ano paso foi un ano moi caloroso. Co tempo que vai aquí en Ourense sí cómpre o aire acondicionado."

"Ventilador, toldos nas ventás e imos tirando. Nunca pensei en poñer aire acondicionado."

Iso na casa, pero o certo é que pasamos moitas horas no traballo. Tamén aí as opcións varían dun caso a outro. Nunha axencia de viaxes, por exemplo, non imaxinan un verán sen aire acondicionado.

"Imprescindible o aire acondicionado, hai que ter un ambiente de traballo ideal. Nós a temperatura a que acostumamos traballar son 25 graos aproximadamente no verán. Fóra acostumamos estar a 35, 36...entón ese contraste é necesario."

Pero o caso é que o aire acondicionado consome máis enerxía, aumenta a nosa factura da luz e reseca o ambiente. Ademais precisa unha instalación que non sempre se pode ou se quere asumir.

"Hai que ir tirando coa calor como se poida, no meu caso cun ventilador que está de seguido no número 3, máxima potencia, e tratar de resistir así as temperaturas."

Os ventiladores son moito máis económicos e non precisan instalación, pero a partir dos trinta graos xa non son tan efectivos. Se o que buscamos é reducir a temperatura mesmo en plena vaga de calor, o aire acondicionado escala posicións.

"Un aire acondicionado é o máis recomendable porque é frío, é fresco e vas sentir que eliminas esa calor por completo, pero tamén hai climatizadores que se colocan con auga e poden baixar bastante a temperatura no sitio. Se é aberto é o máis recomendable tamén."

Con todo, lembran que calquera opción ten as súas vantaxes e inconvenientes e que hai moitas variables a ter en conta: como, por exemplo, o que esteamos dispostos a gastar, o tipo de vivenda ou local para refrixerar ou os efectos na nosa saúde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade