Emerxencias decreta a alerta vermella por calor en dezaseis concellos de Pontevedra
Alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra e laranxa nas Rías Baixas
Hai tamén avisos amarelos no suroeste da Coruña e na montaña de Ourense
Pola mañá aínda pode refrescar algo pero a vaga de calor xa está aquí. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta decreta a alerta vermella por calor en dezaseis concellos do interior da provincia de Pontevedra: A Caniza, Covelo, Fornelos de Montes, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Moraña, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Silleda, Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada e Vila de Cruces. Case outros trinta da costa están en nivel laranxa na mesma provincia, tamén por altas temperaturas.
Aínda que as máximas poden ser superiores noutras zonas de Galicia, como o Miño de Ourense ou o Baixo Miño, Sanidade ten en conta outros factores para establecer os avisos.
🌡️A Xunta activa mañá xoves a alerta vermella por episodio de calor no interior de Pontevedra
— Consellería de Sanidade (@SanidadeXunta) July 1, 2026
🟠A zona isoclimática do litoral de Pontevedra ou Rías Baixas permanecerá este xoves en nivel de alerta laranxa
🔗https://t.co/f9DHKLZZQT pic.twitter.com/DMSXtlwRf5
A Xunta explica que se analiza "o impacto histórico da calor sobre a mortalidade en cada área específica" e así calculan as temperaturas límite ou as temperaturas de disparo de impacto na saúde mediante unha análise de series temporais de mortalidade e temperatura máxima. Teñen en conta os datos dos últimos 20 anos, eliminando os efectos da pandemia da covid.
Nos concellos afeitos á calor, as temperaturas altas alteran as rutinas e incluso os horarios comerciais. Na Caniza, por exemplo, hai tendas que pechan varias horas durante a tarde, porque hai pouca xente na rúa, e abren ata despois do serán.
Sanidade lembra as recomendacións máis importantes para evitar problemas na saúde: limitar a exposición ao sol, evitar as actividades deportivas ou os esforzos físicos ao aire libre nas horas centrais do día e beber e comer alimentos frescos con frecuencia, aínda que un non note sede.