Hernan agarda o rescate tras unha semana; Venezuela dá xa por perdidos os desapecidos
Os achegados da familia de Marín que permanece desaparecida asumen o peor dos desenlaces
Hernán Gil é un garda de seguridade que leva unha semana baixo os cascallos en Venezuela. Os bombeiros estanlle dando auga e comida e confían en poder rescatalo, a pesar de que non vai ser nada fácil.
O del é un dos últimos intentos de rescate antes de que entre a maquinaria pesada. Buscan un milagre. Mentres intentan chegar a Hernán, sepultado baixo toneladas de ferros e formigón, mantéñeno vivo dándolle auga por unha sonda.
É unha excepción. As esperanzas esvaécense co paso das horas. Tamén as dos achegados da familia de Marín que permanece desaparecida.
A estas alturas, o que segue aumentando é o número de mortos, que se acumulan nos depósitos.
E tamén preocupa a situación dos desprazados. 16.000 persoas tiveron que buscar un lugar alternativo para vivir. E moitos deles con familiares desaparecidos. Unha semana despois de perdelo todo, aumenta a tensión social e as críticas á xestión.
Venezuela comeza este xoves sete días de loito oficial.
Nesta xornada chegou a Madrid un voo procedente de Venezuela con 96 españois, 11 cidadáns europeos doutras nacionalidades e 24 venezolanos. Con eles xa son máis de 300 as persoas repatriadas por España. E Exteriores insiste en que teñen abertas todas as liñas de emerxencia consular para quen o precise.