Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Non marcho de aquí ata que volva con ela": O irmán da venezolana de Marín desaparecida coa súa familia agarda noticias

"Non marcho de aquí ata que volva con ela": O irmán da venezolana de Marín desaparecida coa súa familia agarda noticias

José Taberneiro permanece día e noite xunto aos cascallos do edificio onde quedaron atrapados

Unha semana despois aínda aparecen sobreviventes pero hai cada vez menos posibilidades

José Taberneiro agarda noticias da súa irmá Adela, do seu cuñado e dos seus sobriños a carón dos restos do edificio da Guaira onde estaban aloxados.
G24.gal 01/07/2026 15:19 Última actualización 01/07/2026 15:50

De día e de noite. José Taberneiro permanece a carón dos cascallos agardando por un milagre. Espera que poidan rescatar a súa irmá Adela, o seu cuñado Yhosvany e os seus dous sobriños, que quedaron atrapados cando se derrubou o edificio no que aloxaban, na zona da Guaira, durante os terremotos do 24 de xuño. A familia, nai venezolana, pai cubano, vive en Marín dende hai oito anos e xusto este verán viaxaran a Venezuela para visitar os seus parentes.

"Volvimos esta tarde e de aquí non vou marchar ata que volva coa miña irmá", asegura José para a Televisión de Galiciaa diante dos restos do bloque que colapsou cos tremores.

A familia aférrase á esperanza de que, unha semana despois da catástrofe, aínda poida haber xente con vida baixo os edificios. Os equipos de rescate seguen atopando sobreviventes e polas redes sociais circulan vídeos nas que se escoitan voces de persoas que piden axuda debaixo das pedras. Pero o tempo corre en contra e as posibilidades vanse esgotando.

"Os rescatadores levan un tempo traballando e, de verdade, están traballando moi ben. Piden paciencia e paciencia hai que darlles porque de verdade que non é doado", engade Taberneiro.

A milleiros de quilómetros de distancia, en Marín, agardan tamén boas noticias. Alí tamén están pendentes doutra familia, a de Jennifer Peña, outra venezolana que reside na vila. Ela ten oito parentes que aínda están desaparecidos na mesma zona da Guaira.

"Teñen localizadas as persoas pero non saben en que situación están. Falamos doutro neno do colexio que ten familia en Venezuela, nese edificio tamén", relata Lucía Guede, a directora do colexio La Inmaculada de Marín, onde estudan os fillos de Adela e está matriculado tamén o de Jennifer.

Na área devastada polos tremores traballan varios equipos internacionais. Hai especialistas de España, de México ou dos Estados Unidos. Tamén efectivos da propia Venezuela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade