Pecha unha das mellores campañas do choco en Redondela, con case 40.000 quilos capturados
A campaña do choco na ría de Vigo arrancou a medio gas este ano. Os temporais do inverno atrasárona un mes, pero a cousa mellorou e a primavera permitiu remontar o traballo perdido. "Parecía que ía ser un desastre, porque houbo moito mal tempo en xaneiro e febreiro", di a patroa maior de Redondela, Nisi Otero. "En marzo xa parece que empezou a remontar e vimos que podía haber posibilidades. De feito, foi unha das mellores campañas aquí", celebra.
Na confraría de Redondela colleron case 40.000 quilos, unha das mellores campañas dos últimos anos. E iso que o choco vai indo a menos, porque cada vez son menos barcos e menos mariñeiros os que quedan na actividade. "É certo que o relevo xeracional é escaso, e pensamos que aí é onde están fallando os datos. Hai dez anos collíase máis, porque había o dobre de barcos", explica Otero. Con todo, o choco é hoxe a especie estrela da confraría. "O marisqueo era o forte aquí pero, ao fallar, estamos sostidos polo choco -di Otero-. Este ano salvounos a campaña do choco"
Para compensar o mal ano do marisco, ampliouse 17 días a campaña do choco nas rías. Agora xa está en veda: nin mariñeiros nin pescadores deportivos poderán capturalo, subilo a bordo ou vendelo. "Iso é bo porque polo menos cría -di un mariñeiro-, levamos case seis meses collendo choco, e hai que deixar descansar un pouco o mar, senón non vai haber para o ano".
Así que toca cambiar obxectivos: cambiarán -por exemplo- á nécora, para deixar o choco medrar na ría. Este de Redondela é o máis famoso e, á vista dos datos, tamén dos máis valorados de Galicia. "Vendemos un euro por riba da media de Galicia -di a patroa maior-. O choco de Redondela ten moi boa fama, fíxose moito traballo nese sentido, e é certo que o choco de Redondela é o mellor do mundo", presume.
Está vedado dende o día 20 de xullo, así que haberá que agardar o inverno que vén para volver catalo.