A campaña do choco chega á súa fin
A piques de rematar unha tempada na que se conseguiu menos produto, pero revalorizouse
A fin da campaña do choco en Galicia aproxímase cada vez máis. O 21 de xuño inicia a prohibición de pesca deste cefalópodo.
Nestes últimos días de campaña, os profesionais do sector aseguran que hai menos capturas, pero a calidade do produto segue sendo moi boa polo que animan a aproveitar para mercar este manxar nos mercados galegos.
Os mariñeiros de Redondela xa comezan a ver moi pouco produto na ría, polo que xa comezan a amarrar os barcos e comezando a descargar en terra os aparellos para cambiar de oficio.
"Ata o día 21 temos aquí, pero a xente xa o está deixando porque as capturas son poucas e hai alternativas para ir ao marisqueo. Como non compensa moito, déixao antes de tempo", dixo Alberto Pereira, mariñeiro de Redondela.
A deste ano foi unha campaña con pouco choco, pero que se compensou coa revalorización do mesmo. Segundo o secretario da confraría de Redondela, Anxo Táboas, este ano pescáronse 18 toneladas, 5 menos ca o ano pasado, mais o prezo subeu aos 10,15 euros de media máis IVA, cando o ano pasado só chegaba aos 8 e pico baixos.
O da lonxa de Redondela é o choco con máis fama de Galicia, aínda que hai portos con máis vendas. Este porto conta con marca propia na venda.
É tal a fama da lonxa que os mariñeiros teñen vendido o choco antes de pescalo. Os acordos fanse con cidades galegas que lle compran case todas as capturas.
"Traballamos con certas empresas a prezo cerrado. Peléanse polo produto. Ao final do día vendemos. Normalmente traballamos con supermercados de aquí, locais", asegurou Táboas.
Os mariñeiros botan ao mar ramalladas de piñeiro que o choco confunde con zoostera, a alga na que desova e que se volve cada vez máis escasa. É a única forma de garantir o desove. Unha vez que vai medrando, cólleno con trasmallos ou con nasas.