Publicador de contidos

Publicador de contidos

Amplo dispositivo policial en Poio e Pontevedra para localizar un home que fuxiu nun coche roubado

Amplo dispositivo policial en Poio e Pontevedra para localizar un home que fuxiu nun coche roubado

Está considerado "moi perigoso", con antecedentes delituosos e sen permiso de conducir

A Policía Local tentou dar o alto ao condutor, que se atopaba acompañado por unha muller. Lonxe de deterse, emprendeu unha fuxida a gran velocidade

O condutor accedeu mesmo a tramos do Camiño de Santiago, xerando situacións de grave risco para os peregrinos

G24.gal 15/10/2025 16:16

Un amplo operativo conxunto da Garda Civil e as policías locais de Poio e Pontevedra atópase en marcha desde o mediodía deste mércores para dar co paradoiro dun individuo considerado "moi perigoso", con antecedentes delituosos e sen permiso de conducir, que logrou escapar tras unha persecución ao volante dun coche roubado.

Os feitos desencadeáronse pouco antes das 13:00 horas, cando unha patrulla da Policía Local de Poio detectou un Citroën C3 gris na zona de San Xoán. O turismo fora denunciado como subtraído había dúas semanas pola súa propietaria ante a Garda Civil.

Tras comprobar a matrícula, os axentes tentaron dar o alto ao condutor, que se atopaba acompañado por unha muller. Lonxe de deterse, o home emprendeu unha fuxida a gran velocidade.

Segundo informaron fontes oficiais da Policía Local de Poio, a persecución estendeuse por estradas secundarias e camiños rurais desde San Xoán ata Fragamoreira e Campañó, xa no termo municipal de Pontevedra.

Durante a fuga, o condutor accedeu mesmo a tramos do Camiño de Santiago, xerando situacións de grave risco para os peregrinos debido á condución temeraria e á alta velocidade.

Nas inmediacións da ponte das Cabras, nun tramo de camiños de terra, os axentes perderon a pista do vehículo, que aínda non foi localizado.

As autoridades continúan a procura do Citroën C3, así como do home ao volante, quen xa foi identificado visualmente polos axentes.

Numerosos antecedentes

A Policía iniciou dilixencias por condución temeraria e roubo de vehículo. Segundo estas fontes oficiais, o sospeitoso conta con numerosos antecedentes por delitos cometidos na zona de Poio, incluíndo unha detención previa tamén por condución temeraria. Ademais, carece de permiso de conducir en vigor.

Tanto a Garda Civil como as policías locais implicadas manteñen activo un operativo de rastrexo por diversos puntos da comarca co obxectivo de localizar e deter ao fuxitivo. A colaboración cidadá podería resultar clave para avanzar na investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade