Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denunciado en Lugo por apropiarse dunha bicicleta e circular con ela en sentido contrario

Denunciado en Lugo por apropiarse dunha bicicleta e circular con ela en sentido contrario

O home asegurou que a atopara nun portal e que a súa intención era "dar unha volta" e despois devolvela

O vehículo levaba un cartel que poñía: "Bicicleta de uso público"

G24.gal 09/10/2025 11:31

A Policía Local de Lugo interveu na madrugada do 7 de outubro unha bicicleta conducida por un individuo que circulaba en sentido contrario.

Os feitos producíronse na rúa Quiroga, onde o condutor foi identificado e denunciado por unha infracción á normativa de tráfico, tras darlle o alto por ir en sentido contrario.

A situación chamou a atención dos axentes non só pola súa conduta na vía, senón tamén polo "rechamante" cartel manuscrito que levaba o vehículo: "Bicicleta de uso público. Instrucións: usala, coidala, depositala en novo destino", ademais dun código QR.

Preguntado polos axentes, o ciclista manifestou que non era o propietario da bici, senón que a collera momentos antes dun portal próximo a un locutorio, e que a súa intención era "dar unha volta e deixala despois onde a atopou".

Delito leve contra o patrimonio

A bicicleta, da marca RockRider e en aparente bo estado, foi intervida e trasladada ás dependencias policiais, para localizar o seu lexítimo propietario.

O home foi acusado de cometer un suposto delito leve contra o patrimonio, ao facer uso dun ben alleo sen contar con consentimento.

A Policía Local de Lugo lembra á cidadanía que ningunha bicicleta é de "uso público" se non pertence a un sistema autorizado de alugueiro ou préstamo municipal, e que apropiarse dunha bicicleta atopada na vía ou en zonas comúns pode ter consecuencias legais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade