Asaltan un hotel en Silleda causando numerosos estragos
Os ladróns fixéronse cun escaso botín consistente nun ordenador e unha impresora
A Garda Civil xa ten a denuncia e investiga o roubo no EcoHotel Rural de Silleda, a pouca distancia da vila pontevedresa. Os ladróns, a pesar de rebuscar por todo o recinto, non atoparon demasiados obxectos do seu interese.
Pero o problema non é só o valor do ordenador ou a impresora que levaron, os danos son moito máis cuantiosos. O motor da porta exterior, numerosas cámaras de seguridade, unha caixa forte ou os buratos nas paredes, ao que haberá que sumarlle tamén o custo da porta de cristal, da limpeza e do cambio das pechaduras.
E por riba de todo iso, a sensación de vulnerabilidade, de inseguridade e o traballo engadido que supón a perda dos datos do establecemento.
Os investigadores sospeitan dalgunha banda especializada na comercialización ilegal de aparellos electrónicos como posible responsable do ataque.