Varios homes agriden outro en Lugo de forma brutal e róubanlle máis de mil euros
Os asaltantes déronlle unha malleira e leváronlle 1.000 euros en efectivo e 220 máis en décimos de lotaría de Nadal

A Policía Local de Lugo informou de que un home sufriu na madrugada do 7 de outubro unha brutal agresión con roubo na vía pública. En total, subtraéronlle 1.000 euros en efectivo (200 do peto traseiro e unha faldriqueira con outros 800) e 220 euros máis en Lotería de Nadal, ademais de documentación persoal e as chaves do seu posto de traballo.
Segundo informa nun comunicado, os axentes interviñeron tras recibir aviso sobre a presenza dunha persoa ferida na confluencia da Avenida de Magoi coa Rúa Madanela.
No lugar localizouse a un home con evidentes lesións faciais e sangrado abundante, quen manifestou ser abordado por varios individuos que o derrubaron e propinaron fortes patadas na cabeza, antes de roubarlle.
A vítima, segundo relata a Policía Local, relacionou o asalto cunha discusión previa ocorrida nun establecemento de hostalería no que coincidira cun home acompañado dunha parella, quen podería observar onde gardaba o diñeiro ao usar unha máquina comecartos.
A Policía Local trasladou que se obtiveron gravacións do local que permitirán avanzar na identificación dos autores.
A vítima foi evacuada ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) dada a gravidade das lesións.