Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alerta nas farmacias da Coruña polos continuos furtos dun home cunha tatuaxe no pescozo

Alerta nas farmacias da Coruña polos continuos furtos dun home cunha tatuaxe no pescozo

Avísanse da súa presenza a través dunha aplicación interna 

O Colexio de Farmacéuticos anima a denunciar os feitos ante a Policía

G24.gal 01/10/2025 14:08

De Monte Alto aos Castros a escena repítese a diario nas farmacias da Coruña. O home chega, fisga nos andeis e acaba roubando o primeiro que ve, se non o botan antes.

"Á miña farmacia vén, como mínimo, unha vez ao día. E faino tamén noutras farmacias desta zona e de toda Coruña", di Blanca González Carrero, da Farmacia Orillamar 54.

"O risco é que un día veña a unha hora en que haxa pouca xente ou esteamos poucos traballando. Igual un día se lle cruza un cable ou reacciona mal, non sabemos ben cal é a súa intención", engade a farmacéutica Paula Briones.

1,70 de altura, 30 anos, tatuaxe no pescozo e vestimenta deportiva. Coñéceno de sobra aquí e no resto das boticas. Mesmo se alertan entre elas da súa chegada mediante unha aplicación.

"É unha rede interna entre farmacias en que nos avisamos de que acaba de pasar por aquí ese home, ou que circula unha receita falsa, vale para estar en alerta", comenta a farmacéutica Paula Briones.

O home adoita roubar produtos de cosmética ou parafarmacia, posiblemente para revendelos despois. De feito nalgunhas farmacias optaron xa por poñer as cremas máis caras preto do mostrador e os artigos de menor valor na zona da porta. Desde o Colexio de Farmacéuticos animan a interpoñer denuncia ante a Policía, tal e como xa fixeron algúns compañeiros.

"É un encordio ter que facelo, pero é o único xeito de notificar ás autoridades o que sucede".

"Así poden facer un reconto do número de furtos e tomar medidas. Ademais na Policía comentáronme que agora o podemos facer de xeito telemático, e así non temos que saír da farmacia, que é onde queremos estar", din as boticarias, que tamén son vogais do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.

Grazas ás denuncias a Policía xa identificou o individuo, que podería chegar a ser xulgado por reincidir nos furtos. Aquí agardan que así sexa, porque a súa prioridade, din, é atender os doentes e non facer de gardas de seguridade das farmacias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar