Detidas dúas persoas como presuntas autoras de catro delitos de roubo con forza en Neda
Os detidos foron sorprendidos polos axentes cando roubaban na gasolineira do Puntal
Imaxe cedida pola Garda Civil
A Garda Civil de Fene en colaboración coa Garda Civil das Pontes detivo un home e unha muller como presuntos autores de catro delitos de roubo con forza.
Os feitos sucederon cando efectivos de ambas as unidades que realizaban un servizo preventivo de seguridade cidadá, sorprenderon os dous detidos nas instalacións da gasolineira do Puntal, en Neda, perpetrando un roubo con forza.
No transcurso da intervención, os gardas civís constataron que estas persoas coincidían coa descrición dos autores dun roubo con forza acaecido media hora antes nunha gasolineira da Mourela, no mesmo termo municipal e de dous roubos con forza perpetrados en dúas gasolineiras da localidade de Narón.
Durante a inspección do vehículo utilizado, os compoñentes de ambas as unidades atoparon as ferramentas e lanternas utilizadas nos roubos, así como diñeiro en efectivo fraccionado e outros efectos cuxa procedencia está a ser investigada.
A Garda Civil detivo o home e a muller como presuntos autores de catro delitos de roubo con forza e incautou os efectos atopados.
A investigación continúa aberta ante a sospeita de que puidesen estar relacionados con outros roubos, como o ocorrido na gasolineira do polígono industrial de Vilar do Colo, no termo municipal de Fene.