Desarticulados dous grupos criminais en Ferrolterra tras unha vaga de roubos durante as últimas semanas
Desarticulados dous grupos criminais en Ferrolterra tras unha vaga de roubos durante as últimas semanas
Un dos grupos entraba en locais comerciais e o outro roubaba dentro de vehículos
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Ferrol-Narón culminaron nos últimos días dous operativos que permitiron desarticular dous grupos delituosos independentes dedicados a roubos con forza.
En total, catro persoas foron arrestadas e postas a disposición xudicial tras actuar en diversos puntos da comarca de Ferrolterra.
O primeiro dos grupos centraba a súa actividade en locais comerciais da zona.
Segundo informan fontes policiais, os investigados seleccionaban establecementos coñecidos e forzaban os accesos para acceder ao interior. Unha vez dentro, provocaban importantes danos materiais, asañándose especialmente coas máquinas de cambio para obter o seu botín.
Esta actividade delituosa xerara unha notable alarma social entre os empresarios e veciños da zona. Por estes feitos, detiveron dous individuos.
Outros dous detidos por roubos en vehículos
O segundo operativo centrouse nun grupo cunha actividade delituosa que repuntou a finais do pasado mes de xaneiro.
Aos integrantes desta banda atribúenselles varios furtos e roubos no interior de vehículos, ademais da subtracción de polo menos un automóbil.
A investigación revelou que os arrestados chegaron a utilizar de forma fraudulenta unha tarxeta bancaria obtida nun dos seus golpes.
Ademais, un dos vehículos roubados foi localizado tras sufrir unha colisión nas proximidades dun coñecido asentamento chabolista da comarca. Este operativo concluíu con outros dous detidos.
Os catro detidos son "vellos coñecidos" das forzas de seguridade, xa que contan con numerosos antecedentes policiais e xudiciais por delitos de natureza similar.
Tras prestar declaración en sede policial, todos eles foron postos a disposición xudicial.