Publicador de contidos

Publicador de contidos

Macroxuízo en Valladolid pola revenda de cadaleitos que cambiaban antes da incineración

Macroxuízo en Valladolid pola revenda de cadaleitos que cambiaban antes da incineración

Os 23 procesados son os donos e os traballadores dunha funeraria

Levarían 20 anos cambiando os ferétros, unha práctica da que se calcula que obtiveron uns beneficios de máis de catro millóns

EFE/Nacho Gallego
G24.gal 02/03/2026 15:18

As 23 persoas que este luns sentan no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Valladolid son empregados e a familia propietaria da funeraria El Salvador. A Fiscalía pide en total para todos eles máis de douscentos anos de cadea. Segundo a fiscalía, reutilizaron preto de seis mil cadaleitos e ornamentos florais durante polo menos vinte anos. 

No momento da incineración activaban o ventilador do forno, pero non os queimadores. Cando a familia marchaba, cambiaban os cadaleitos por outros de menor valor, nalgún caso mesmo por cartóns, para despois revendelos como novos para outros servizos funerarios.

O sorprendente é que todo saíu á luz no 2017, cando o propietario denunciou un exempregado por extorsión. Este pedíalle cartos por non revelar fotos dos finados fóra dos cadaleitos. Cando a policía rexistrou a súa casa, atopou máis de setecentos casos con fotos e notas detalladas do acontecido durante polo menos vinte anos.
 
A listaxe de delitos dos que o acusan é longa: organización criminal, estafa agravada, falsidade en documento mercantil, branqueo e contra o respecto dos defuntos.

Para os extraballadores, a Fiscalía pide penas que van dos dous aos nove anos de cadea, vinte para a muller do propietario, xa falecido, e a mesma pena para os seus dous fillos.

Novecentas famillias denunciaron estes feitos, nun xuízo que se prevé se prolongue ata o mes de xuño. Están chamados a declarar case 250 persoas entre testemuñas e peritos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade