"Ningún dos dous ten mente conspiranoica", di a irmá dos acusados no xuízo pola Primitiva millonaria
"Ningún dos dous ten mente conspiranoica", di a irmá dos acusados no xuízo pola Primitiva millonaria
Nesta cuarta sesión, un dos acusados escusouse por motivos médicos
O xuízo retomarase o próximo luns, que será, segundo o previsto, cando declaren os dous procesados
"Ningún dos dous ten mente conspiranoica". Así respondía a irmá dos dous acusados a preguntas dunha das defensas sobre un suposto acordo entre Manuel e Miguel para cobrar o premio millonario. Detallou tamén o momento no que o administrador de San Agustín chegou á delegación provincial de Loterías. "Vino pálido e preocupado", dixo.
"Nada máis entrar, veu a min e preguntoume se estaba Miguel. Pasamos ao despacho e dixo: Pasoume unha cousa esta mañá que aínda non a podo crer. Nun momento determinado no que non había ninguén, atopei un grupo de boletos, collinos, paseinos pola terminal e cal foi a miña sorpresa cando nun deles había un premio".
Contou que fora seu irmán Miguel, daquela delegado provincial de Loterías, quen lle mandou levar o resgardo de volta á súa administración de San Agustín e que o deixase alí un día por se alguén o ía reclamar.
"Se non vén ninguén, ti mañá ven a primeira hora e a ver que facemos. Decidiríano entre os dous, díxolle Miguel ao meu irmán".
Nesta cuarta sesión do xuízo, dous axentes da Policía Científica encargados de recoller pegadas dactilares, destacaron a escaseza de información coa que traballaron ao comezo da investigación.
O xuízo retomarase o luns, que será, segundo o previsto, cando declaren os dous procesados.