O loteiro que selou a primitiva millonaria asegurou que o delegado lles dixo que xa estaba liquidada
O loteiro que selou a primitiva millonaria asegurou que o delegado lles dixo que xa estaba liquidada
Afirmou tamén que o primeiro reclamante do boleto gañador acudiu ata en tres ocasións á súa administración de Alfonso Molina
O acusado de apropiarse do boleto puido cobrala sen entregala á SELAE, segundo o seu resoponsable
O primeiro en testificar nesta segunda sesión do xuízo foi o loteiro que en xuño de 2012 selou a primitiva millonaria. Contou que foi Miguel Reija, un dos agora investigados, quen os chamou para anunciarlles o premio. De alí a dúas semanas, segundo relatou, achegouse á administración unha señora preguntando se xa se cobrara porque a súa nai perdera o boleto.
"A miña muller chamou a Miguel Reija e díxolle que a primitiva xa estaba liquidada. Mercedes, non me chames máis por este tema. Se alguén quere algo, que veña á delegación".
Detallou tamén que o primeiro reclamante do boleto gañador acudiu ata en tres ocasións á súa administración de Alfonso Molina insistindo en que o premio era seu e que quedaran con el.
Declarou tamén quen, no momento dos feitos, era director de negocios da Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado. Afirmou que Miguel Reija, o delegado provincial de loterías naquel entón, informounos de que seu irmán atopara a primitiva premiada no seu despacho de San Agustín, malia que non precisou ningún tipo de detalle. E asegurou que presupuxeron veracidade en quen atopou o boleto porque podería telo cobrado.
"Entendín, dixo, que había unha postura honesta na devolución do resgardo".
Puido cobrala sen entregala
O entón director de negocios da empresa estatal Loterías e Apostas do Estado (Selae) contou que o delegado provincial foi ver ao presidente da entidade para contar o achado, por parte do seu irmán, nun relato que tiña "presunción de veracidade e de conduta mesmo honesta", pois este como administrador nunca tivera ningún atraso de pagos nin reclamacións.
Asegurou que o loteiro que dixo atopar o boleto "podería cobralo el ou un terceiro" e agregou que a reclamación de Ferreiro foi descartada entón porque non coincidían o relato nin as pegadas.
O director da Selae detallou que se reuniu con Miguel Reija, a pedimento deste, en Madrid, onde lle contou que o seu irmán atopara o boleto: "Ante esa comunicación, quedo perplexo e remítoo ao director de negocios", apuntou.
Ademais, autorizou que unha persoa viaxase á Coruña para recuperar o boleto e gardalo en Madrid nunha caixa forte:
"Esta situación era e segue sendo excepcional. Non todos os días aparece sen dono un resgardo dun premio maior de 4,7 millóns", dixo.
Sobre se o boleto é un título ao portador, aclarou que si, que calquera persoa pode cobralo na delegación, pero aínda que a Selae "non ten obrigación de facer investigacións", si se poden "pedir datos de identificación".
O xefe de servizo da Selae naquel momento lembrou que se decatou por un compañeiro de que o loteiro de San Agustín, irmán do delegado provincial, atopara "un boleto xunto con outros no seu despacho".
Nese momento, decidiron pedir "a listaxe" da máquina do despacho e comprobaron que si "se pasaran polo terminal": "Non vimos nada que puidese chamar a atención", recalcou.
Sinalou que intentaron ser "o máis dilixentes posibles": "Queriamos que aparecese o titular do boleto. Actuamos o mellor que puidemos", comentou, e dixo que este caso é "é absolutamente extraordinario".
Está previsto que o xuízo continúe este mércores coa declaración de once testemuñas, entre elas, catro axentes da Policía Nacional.