A familia do suposto propietario da primitiva millonaria soubo do premio anos despois pola policía
"Nas apostas manuais adoitaba xogar os mesmos números", explicaron durante a xornada do xuízo deste mércores
Agochada tras un biombo para non ver os acusados, a viúva do suposto lexítimo propietario da primitiva millonaria detallou que sempre pasaban o Nadal fóra da Coruña e que tamén facían viaxes a varios puntos de España co Imserso. Un punto clave na investigación policial para poder identificar este home.
Explicou tamén que o seu marido, falecido no 2014, xogaba con frecuencia e que sempre levaba os boletos feitos con números que el escollía, malia que algunhas veces si podía facer algunha aposta automática.
"- Nesas viaxes o seu marido ía ás administracións de loterías? - Si, eu acompañábao".
"- A combinación exacta non a sabe?". "- Non. Sei que tiña na casa libros con combinacións. Era moi de números".
Tamén detrás do biombo, a filla concretou que o seu pai xogaba números fixos vencellados a datas de nacementos.
"Era moi habitual que meu pai utilizase as datas de nacemento e axiña decateime de que esa combinación tiña que ver coa súa data de nacemento".
Unha aposta que acompañaba a Primitiva premiada con 4,7 millóns de euros cando se comprobou o boleto. Falou tamén do extracto dunha tarxeta de crédito que sitúa o home no centro comercial onde se selou a Primitiva millonaria e tamén nun supermercado de San Agustín cando se comprobou o billete na administración do loteiro agora acusado.
No xuízo, este mércores tamén declarou quen no 2012 era xefe de sección de verificación e difusión de resultados da SELAE. El foi quen se desprazou á Coruña para recoller na administración de loterías de San Agustín a Primitiva millonaria. Contou que ese día si notou preocupado a Miguel Reija, o outro investigado.
"Preocupado, si, porque a circunstancia de que fora seu irmán o que atopara o boleto provocáballe certa inquedanza. Non porque dubidase do irmán, senón porque me dixo que estaba en xogo o apelido da familia".
O xuízo segue este xoves coa declaración de máis testemuñas.