"Roubo para sobrevivir", o veciño que trae de cabeza un barrio de Moaña
O home ten máis de vinte denuncias no que levamos de ano; o último, peixe conxelado que vendeu pola rúa
A veciñanza do Real organízase fronte aos roubos, as ocupacións e o aumento de conflitividade polas drogas
Escóitanse berros e aos poucos minutos estalidos de cristais.
"Tiraron pratos pola ventá, romperon cristais, ela púxose no medio da estrada berrando. É un pau para os veciños", explica unha comerciante que ten o negocio en fronte.
É o último incidente, en plena noite, dunha parella que trae de cabeza a veciñanza do barrio do Real. É o último, pero, dende que ocuparon esta vivenda, os altercados son noite e día.
"Máis que a ocupación son os furtos. Roubou xa en varios locais e todos os comerciantes temos medo de que nos entre. Eu teño cámara, teño alarma, pero aínda así non me sinto segura", engade.
Pensaron que marcharan, pero hoxe seguían na vivenda. Á ocupación, súmanse os roubos, furtos, delitos contra a seguridade vial. El xustifícase.
"Sinto o meu comportamento pero que entendan que levo varios anos pasando por unha situación moi complicada. Acúsanme de diferentes delitos, a maioría furtos para sobrevivir. Estou en moi mala situación", confesa o propio delincuente.
Ten ducias de denuncias, tanto da Policía Local coma da Garda Civil. O último roubo parece un chiste, pero é parte da desgraza.
"Atopei unha furgoneta aberta e collín algo de peixe", recoñece o home.
"Preguntoume se quería peixe sapo e díxenlle que non, que non me gusta, pero insistiu: teño máis peixe, que o temos conxelado desta noite", relata unha veciña a quen lle quixo vender a mercadoría roubada.
"Andaban tamén vendendo bragas coas etiquetas", corrobora outra muller.
Con todo, o problema do Real non ten un único nome. A veciñanza mesmo se organizou en grupos de mensaxería e non descartan algún tipo de mobilización. Opóñense, iso si, a medidas de forza ou escraches como o que hoxe mesmo se propoñía nas redes.