As acusacións manteñen os cargos e a defensa pide a libre absolución do policía local acusado de agresión sexual a unha muller
As acusacións manteñen os cargos e a defensa pide a libre absolución do policía local acusado de agresión sexual a unha muller
As acusacións manteñen os cargos
A defensa pide a libre absolución
Na derradeira xornada da vista prestaron declaración os forenses e psicólogos que atenderon a denunciante. Para a defensa as súas testemuñas demostran que a muller non estaba inconsciente no momento dos feitos xa que as análises que lle realizaron non reflicten subtancias tóxicas en sangue. Conclúe ademais que as declaracións dos facultativos tamén acreditan que os danos físicos que presentaba a denunciante poderían corresponderse coa práctica sexual consentida que defendeu o acusado durante a vista.
Para a súa avogada, hai contradicións constantes no relato da muller e os trastornos psicolóxicos que padece son compatibles con outros diagnosticados anteriormente. A letrada da defensa dixo que podería cuestionarse moralmente a conduta do seu cliente pero pediu a súa libre absolución xa que non queda probada a existencia de delito penal.
Porén a acusación e o Ministerio Fiscal argumentan que foi un consentimento viciado e non real xa que o acusado aproveitou a situación de vulnerabilidade dunha muller moito máis nova ca el, á que coñecía e que no momento dos feitos estaba atordoada e coa vontade totalmente anulada tal e como como queda recollido nas mensaxes posteriores que se intercambiaron o acusado e a denunciante.
Ademais a acusación e o Ministerio Fiscal significaron as consecuencias irreversibles que causaron na vida da denunciante uns feitos profundamente traumáticos a nivel psicolóxico. Consecuencias que continúa padecendo como explicaron os profesionais que declararon na vista. Por todo isto mantiveron os cargos contra o acusado que no seu dereito á última palabra declarouse inocente. O xuízo quedou visto para sentenza.