Publicador de contidos

Publicador de contidos

Outra muller denuncia o exdeputado Íñigo Errejón por unha agresión sexual

Outra muller denuncia o exdeputado Íñigo Errejón por unha agresión sexual

Segundo consta na demanda presentada nos Xulgados de Violencia contra a Muller de Madrid, os feitos aconteceron, presuntamente, en outubro de 2021

Arquivo Europa Press Arquivo Europa Press
G24.gal 25/02/2026 08:25 Última actualización 25/02/2026 10:11

O exdeputado de Sumar Íñigo Errejón foi denunciado por outra muller por unha agresión sexual presuntamente cometida en 2021.

A denunciante, que pide manter a súa identidade oculta, coñeceu a Errejón a través das redes sociais. Tras varios encontros, acusa o político dunha presunta agresión sexual con penetración en que o exdeputado empregaría a forza contra a súa vítima.

O avogado da denunciante é Alfredo Arrrién, o mesmo que defende a actriz Elisa Mouliaá, que tamén ten unha causa aberta contra Errejón por agresión sexual.

Nesta segunda denuncia, presentada nos Xulgados de Violencia contra a Muller de Madrid, á que tivo acceso EFE, o avogado explica que a muller comezou o seu contacto con Errejón en 2021, primeiro nas redes sociais, logo en Telegram e finalmente en persoa.

Tras un par de encontros, a ela pareceulle que el era controlador, xa que, por exemplo, quería saber onde estaba, e descubriu que tiña parella, a pesar de que llo negou.

O 16 de outubro de 2021 (oito días despois de que agredira, presuntamente, a Mouliaá), a muller que o denunciou agora estaba nunha voda e Errejón propúxolle que fose con el a unha festa en Móstoles (Madrid). Alí, tras beber e consumir cocaína ambos os dous, segundo a denuncia, el tivo "comportamentos que podían interpretarse como controladores, celosos ou posesivos".

Mantiveron un encontro sexual e logo foron á casa del; tanto no traxecto como xa na vivenda, Errejón obrigouna a manter relacións sexuais sen o seu consentimento, chegando a dicirlle: "Se gritas, será peor" ou "Se te resistes, será peor".

Nun momento dado Errejón violouna, segundo o escrito de denuncia, "de maneira sorpresiva e violenta", suxeitándolle o pescozo.

A denunciante marchou do domicilio e logo volveu ver a Errejón unha vez máis, e ao ver que persistía no seu comportamento controlador, non volveu quedar. Logo sufriu ataques de ansiedade e tivo que comezar un tratamento psicolóxico.

O avogado solicita que a denunciante sexa testemuña protexida na causa porque ten medo do denunciado e quere que se preserve o seu anonimato.

Errejón, un dos dirixentes máis coñecidos da esquerda española dos últimos anos, foi ata 2024 portavoz do grupo parlamentario Sumar, o socio minoritario da coalición que forma o Goberno español.

Dimitiu e deixou a política despois de que se publicaran testemuños anónimos sobre comportamentos abusivos dun "político madrileño". O 25 de outubro de 2024 a actriz Elisa Mouliaá presentou a denuncia formal contra el por agresión sexual.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade