Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz que investiga a Mouliaá por calumnias a Errejón ordena que sexa detida

O xuíz que investiga a Mouliaá por calumnias a Errejón ordena que sexa detida

O xuíz Arturo Zamarriego lembra que citou en tres ocasións a actriz, quen demostrou "unha clara e inequívoca vontade de subtraerse á acción da Xustiza"

A actriz Elisa Mouliaá, nos xulgados de Madrid o pasado mes de febreiro (Arquivo Europa Press) A actriz Elisa Mouliaá, nos xulgados de Madrid o pasado mes de febreiro (Arquivo Europa Press)
G24.gal 16/06/2026 13:41 Última actualización 16/06/2026 14:25

O xuíz que investiga a actriz Elisa Mouliaá por presuntas calumnias o exportavoz de Sumar Íñigo Errejón ordenou que sexa detida e posta a disposición xudicial, tras non comparecer o luns por terceira vez, estando xa advertida de que podería ser arrestada.

Nun auto ditado este martes, o xuíz Arturo Zamarriego lembra que citou en tres ocasións a actriz, quen demostrou "unha clara e inequívoca vontade de subtraerse á acción da Xustiza, polo que procede acordar a súa detención" e posta á disposición do xulgado para ser oída en declaración. 

Despois Mouliaá quedaría en liberdade, salvo que estivese privada da mesma "por outra causa ou motivo legal", di o auto, que precisa que a orde de busca e captura estará vixente durante cinco anos.

Ademais o xuíz pide que se investigue "se a reiterada incomparecencia da investigada puidese constituír un delito de desobediencia á autoridade xudicial", mediante o que se denomina dedución de testemuño, que se remite ao Decanato dos xulgados de Plaza de Castilla para a súa repartición.

O maxistrado Arturo Zamarriego investiga a querela que interpuxo o exportavoz de Sumar, Íñigo Errejón, contra a actriz por unhas presuntas calumnias, por dicir que el extorsionou testemuñas da causa en que o investigan por presunta agresión sexual a Mouliaá.

Esta causa investígase noutro xulgado e o maxistrado correspondente abriu xuízo oral contra Errejón, aínda que o procesamento está recorrido na Audiencia Provincial de Madrid.

No proceso por presuntas calumnias, no Xulgado de Instrución número 9 de Madrid, a investigada non acudiu en dúas ocasións, alegando que estaba de baixa ou non debía coincidir co seu presunto agresor sexual, e o xuíz acabou apercibíndoa de que podería ser detida se non acudía á terceira, que datou para o 15 de xuño.

Este luns a actriz non acudiu alegando que estaba a traballar nos Emiratos Árabes, tras precisar en redes sociais que intentaría comparecer por videochamada se o maxistrado o aceptaba, pero cando a súa letrada expuxo esta opción no xulgado non a aceptaron e comunicáronlle que podería marchar á espera de que o xuíz decidise o seguinte paso.

Ese paso deuno o maxistrado este martes, nun auto en que expón que "a citación para ser oído é unha resolución xudicial cun marcado carácter coercitivo", segundo expón o artigo 487 da Lei de Axuizamento Criminal, que di que "a orde de comparecencia poderase converter nunha causa de detención se o citado non comparece, nin xustifica causa lexítima que llo impida".

"No presente caso, a investigada manifestou reiteradamente a súa vontade de non comparecer nos distintos chamamentos que se lle efectuaron. Tal feito supón unha clara e inequívoca vontade de subtraerse á acción da Xustiza, polo que procede acordar a súa detención e posta ao dispor deste Tribunal de Instancia", conclúe.

A letrada de Mouliaá nesta causa, Yurena Carrillo, recorreu a decisión do xuíz de obrigala a declarar en persoa, baixo medidas cohercitivas, primeiro ante o propio xulgado e logo ante a Audiencia de Madrid.

Este martes transcendeu que o maxistrado admitiu a trámite este segundo recurso e o trasladou ás partes para que aleguen o que consideren antes de envialo á Audiencia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade