Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atopan larvas na comida nunha residencia universitaria de Lugo

Atopan larvas na comida nunha residencia universitaria de Lugo

É o segundo incidente deste tipo en menos de tres meses. Nas dúas ocasións os vermes apareceron en pratos elaborados con carne picada.

A comida sérvea un catering externo. A empresa madrileña que xestiona o centro aínda non se pronunciou. 

Imaxe dunha larva na hamburguesa dun usuario da residencia
G24.gal 25/02/2026 14:34

Non é do agrado de ninguén atopar elementos estraños na comida, e moito menos larvas de insectos. Iso é o que lles pasou aos usuarios dunha residencia universitaria de Lugo. Xa van dúas veces que atopan vermes en pratos elaborados con carne picada.  

Agustín Bande, usuario desta residencia universitaria de Lugo, atopou o venres pasado na súa comida. O seu prato viña cun agasallo sorpresa, indesexado e noxento. "O venres estaba abrindo a hamburguesa e aí estaba no medio, dentro". 

O peor é que é a segunda vez que pasa en pouco tempo. O pasado decembro outro comensal descubriu outro inquilino do reino dos vermes no seu prato.

"Antes do Nadal atopamos nas albóndegas unha larva de mosca".

Nas dúas ocasións os vermes apareceron en comida elaborada con carne picada. Os usuarios pediron en decembro, e volvérono facer agora, explicacións á empresa madrileña que xestiona a residencia. 

"A primeira vez informáronnos de que en teoría fixeron unhas análises, pero desta volta non sabemos nada. Supoñemos que o mandaron ao laboratorio". "Pedimos polo menos que retiren a carne picada do menú, pero este luns volveron poñela".

Reclaman tamén unha compensación económica. Despois do primeiro incidente, a empresa que xestiona o centro ofreceu aos estudantes pensión completa gratuíta nas fins de semana.

"Teñen que resarcirnos porque moitos estamos gastando cartos comendo fóra. A resposta que temos de momento é que nos seguen poñendo carne picada. Este luns outra vez. Esperemos que fose doutro lote". 

A dirección leva reunida dende primeira hora e polo momento ningún integrante se pronunciou. A comida está a cargo dunha compañía externa con sede en Madrid, que serve a residencias e centros sanitarios por toda a península. 

"A escusa que poñen é que atenden moitas residencias en todo o país. Pero nós pedímoslles que, aínda que esteamos en Lugo, que por favor nos fagan caso porque necesitamos comer saudable, non con larvas", sentencia Agustín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade