Morre unha turista canadense nun ataque armado nun lugar arqueolóxico en México
Outros trece visitantes estranxeiros foron feridos no tiroteo, entre eles dous menores de 6 e 13 anos
Dos lesionados, seis son estadounidenses, tres colombianos, dous brasileiros, un canadense e un ruso
O agresor suicidouse despois do ataque
Un home armado abriu fogo contra visitantes nun dos sitios arqueolóxicos máis emblemáticos de México, situado a uns 50 quilómetros da Cidade de México e declarado Patrimonio Mundial pola Unesco. O ataque causou a morte dunha turista canadense e feridas a outras 13 persoas. Posteriormente, o agresor suicidouse.
Segundo o Gabinete de Seguridade do Goberno de México, os trece feridos son turistas de cinco nacionalidades diferentes. Seis son estadounidenses: dous homes, de entre 29 e 38 anos, e catro mulleres de 26, 27, 34 e 61 anos.
Ademais, hai tres colombianos feridos: un menor de 6 anos e dúas mulleres de 22 e 37. Otros dous feridos proceden do Brasil: unha menor de 13 anos e unha muller de 55. Ademais, entre as vítimas figuran unha canadense de 29 anos e un cidadán ruso de 32.
O agresor foi identificado como Julio César Jasso Ramírez, de 27 anos e residente da Cidade de México. De momento, descoñécese o móbil do ataque.
REUTERS/Luis Cortes
Vídeos difundidos nas redes sociais amosan momentos de confusión e pánico entre os visitantes, moitos deles estranxeiros, cando se escoitan as detonacións e varias persoas comezan a desaloxar a zona con rapidez.
A presidenta de México Claudia Sheinbaum condenou os feitos, expresou a súa solidariedade coas vítimas e sinalou que o seu Goberno está en contacto coa embaixada do Canadá, ao tempo que ordenou unha investigación exhaustiva do caso. Os embaixadores dos Estados Unidos e do Canadá expresaron as súas condolencias ante a traxedia.