Un condutor de 25 anos sobrevive tras caer co coche por un terraplén de Cuntis
Todo apunta a que saiu da vía porque a néboa lle impediu ver unha curva
Foi rescatado do desnivel e enviado en ambulancia ao hospital de Pontevedra
Foi o propio condutor quen chamou para pedir auxilio. Quedara atrapado no coche despois de saír despedido por un desnivel de seis metros na estrada que une Mesego e Cuntis.
"Viña de Mesego e fixo este treito recto, bateu primeiro cun carballo e despois contra unha pedra e quedou abaixo no terraplén", explica Cristina Alonso, do servizo de Emerxencias do Concello de Cuntis.
Non foi preciso liberar o condutor. Pero Protección Civil e bombeiros tiveron que intervir para subilo en padiola por un lateral do terraplén. Estaba ferido e precisou asistencia hospitalaria.
"Queixábase de dor na cadeira e dun brazo e foi en ambulancia a Montecelo".
A vítima é un mozo de 25 anos, veciño da zona, que se dirixía ao traballo ás sete e media da mañá. A néboa era densa a esa hora, e parece que fixo un recto nesta curva.
"Coñece a estrada porque pasa todos os días por aquí, pero había moita néboa, non se vía ben e tivo que despistarse".
Rescatar o vehículo do desnivel tampouco foi fácil. Houbo que usar un guindastre con pluma para elevalo ata a estrada. Quedou esmagado polo impacto, pero, por sorte, o seu único ocupante vai poder contalo.