As redes abren a porta da política: o vídeo de Pedro Sánchez como guía turístico na Moncloa
O presidente sorprende os visitantes e ensínalles as instalacións da súa residencia oficial
Como outros políticos de todo o mundo, o xefe do Executivo é moi activo en redes sociais
Imaxinan que o propio presidente do Goberno lles fai de guía nunha visita á Moncloa? É que o que vén de facer Pedro Sánchez, que sorprendeu un grupo de cidadáns nun percorrido pola súa residencia oficial. É un dos últimos vídeos publicados polo xefe do executivo en redes sociais.
Sánchez, como tantos outros políticos de todo o mundo, confía no alcance das redes para pescar novos apoios, sobre todo entre a xente nova. Aos dous meses de chegar á Moncloa, en 2018, o presidente puxo en marcha un programa de portas abertas para que a xente puidese visitar o complexo. Pero co paso do tempo foise animando a interactuar cos cidadáns. Hai unhas semanas, publicaba un vídeo en que el mesmo amosaba as instalacións. E agora mostra estoutro no que leva os visitantes polo interior e polos xardíns do pazo.
"Este é o lugar que puxo de moda Felipe González", escoitamos explicar a Pedro Sánchez mentres guía os visitantes á famosa Bodeguilla da Moncloa.
Ao igual que están facendo outros cargos públicos, en Francia, Italia ou México, o presidente español utiliza cada vez máis as redes para transmitir mensaxes, ben sexan accións do Goberno, opinións puramente políticas ou, incluso, pingas da súa vida privada. Arestora Sánchez ten dous millóns de seguridores en X, 868.000 en Instagram, 633.000 en Facebook e xa 475.000 en TikTok.