Publicador de contidos

Publicador de contidos

A marquesiña do Milladoiro salvada por un creador de contido

A marquesiña do Milladoiro salvada por un creador de contido

Un veciño do Milladoiro, en Ames, vólvese viral en redes sociais tras reverter un acto vandálico

Fixo un vídeo coa súa acción que chegou a máis de cen mil reproducións nas redes sociais

G24.gal 22/02/2026 16:18 Última actualización 22/02/2026 17:47

Christian Lucas é un venezolano veciño do Milladoiro, en Ames, dende hai dez anos. Unha das súas afeccións é crear contidos para as redes sociais e ademais vive preto da marquesiña dos buses que se fixo famosa hai uns días pola súa cuestionable inclinación.

Cando a estrutura recuperou a compostura e o anonimato, uns vándalos decidiron poñela no foco outra vez, cunha malintencionada pintada. E ante de que puidesen intervir os servizos municipais, Christian decidiu actuar.

Este veciño do Milladoiro decidiu limpar a pintada e contar o caso nas redes sociais nun vídeo de menos dun minuto, e por esas cousas que ten a Internet colleitou milleiros de visitas.

"Leva cento e pico mil reproducións. É algo do que me sinto orgulloso. Á xente gústalle e eu estou encantado de achegar", comenta este afeccionado das redes sociais.

O vídeo leva xa máis de catrocentos comentarios, a maioría positivos, algo que lle sorprende xa que afirma que actuou por puro civismo.

"Para min era algo normal. Felicitoume o alcalde. Levoume vinte minutos, tres euros con cincuenta (do produto de limpeza) e aí está limpa", conclúe este veciño de Ames.

Aínda que ten varias ocupacións, Christian só leva un ano subindo contidos ás redes sociais. Agora que se fixo viral, espera seguir chegando a cada vez máis xente cos seus vídeos e que a marquesiña volva ao seu funcional anonimato.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade