Danos en turismos e fachadas polo incendio de colectores en Ourense
Dous incendios en colectores do lixo causaron danos importantes no barrio ourensán do Vinteún
Todo apunta a que os incendios foron provocados pola mesma persoa, porque se iniciaron un tras outro e a escasa distancia
Pasaba pouco das catro da mañá cando os Bombeiros de Ourense comezaron a recibir avisos, varios á vez porque foron dous incendios practicamente simultáneos.
"Empezou a soar un ruído estraño. Levantei a persiana e xa vin que estaba ardendo isto e que estaba a punto de chegar aos coches. Eu estaba chamando e a veciña díxome que xa chamara ela tamén". "Tiñamos medo que nos plantase o lume no edificio", comentan dúas das veciñas que chamaron os Bombeiros.
O da rúa Río Limia foi o que provocou máis danos. Un turismo ardeu practicamente por completo, desde o motor ao interior do coche, onde a cor amarela dun plátano resalta sobre o queimado. Do outro lado, outro turismo que tamén sufriu danos.
"Os colectores xa os cambiaron, estaban totalmente queimados. E os turismos, un está queimado de todo e o outro non sei como estará", sinala unha veciña.
Uns metros máis alá, noutra rúa con nome de río, Búbal, outro incendio. Aquí o que ardeu foi o colector de envases. Un fume negro e denso que tinguiu as paredes e ventás do edificio máis próximo.
Un veciño do edifico de ao lado revélanos outro dato: hai unha semana que tamén lles ardeu a eles o colector.
"Rebentounos a porta de cristal e derreteu uns plásticos e as placas. Témolo no seguro da comunidade e non sabemos quen se fará cargo", explica un veciño afectado.
Non son casos illados. A historia repítese nas rúas dos arredores.
"Está pasando en todas as rúas. Dálles por incendiar os colectores", aseguran varias persoas.
En 2023 xa detiveran unha persoa por feitos semellantes. Enfróntase a 3 anos de prisión e 30 mil euros en indemnizacións aos afectados. Irá a xuízo no mes de xuño.