Pintan asteriscos xigantes en varios baixos do barrio coruñés de Monte Alto
Miden uns dous metros e apareceron dun día para o outro
Os operarios do Concello procederon a limpalos esta mesma mañá
No barrio de Monte Alto hoxe non se fala doutra cousa. Ata seis baixos e garaxes das rúas que rodean o mercado apareceron pintados dun día para outro con estes misteriosos símbolos, xa vistos noutras zonas da cidade.
Todo apunta a que poderían ser obra de aste_risco.art, un anónimo que buscaría chamar a atención sobre paredes que pasan desapercibidas xogando coas dimensións do símbolo.
Se se trata dunha intervención artística, será efémera. Un operario do Concello retiraba esta mañá as pintadas, recuperando o aspecto orixinal das fachadas.
Tan de súpeto como apareceron, os asteriscos desapareceron. Pero deixan un ronsel de misterio no barrio, que se pregunta onde aparecerán os seguintes.