Publicador de contidos

Publicador de contidos

A escultura do Corredor, atropelada de novo en Vigo

A escultura do Corredor, atropelada de novo en Vigo

Un coche impacta coa escultura de Ramón Conde que preside unha rotonda na avenida da Florida

G24.gal 25/02/2026 13:30

Novo atropelo á estatua do Corredor na avenida da Florida de Vigo. Un coche bateu a noite pasada coa rotonda onde está a escultura, que cada pouco tempo sofre impactos coma este. 

Dez anos leva o Corredor presidindo a rotonda. A escultura de Ramón Conde leva dende entón arriscando a vida cada pouco tempo. O último impacto dun coche foi na noite do martes, cando un condutor, por causas que aínda se investigan, subiu a rotonda e guindou varios sinais ata quedar freado na perna da escultura, que agora amosa as marcas do impacto.
 

"Xa ten ocorrido en máis ocasións, eu presenciei algunha en vivo e en directo, penso que a rotonda está moi mal iluminada, e os coches veñen dunha recta de arriba ou de abaixo, non ven a rotonda ben, e se estampan aí pola mala iluminación"; "ao mellor un coche non se fixa en que hai un coche na rotonda e dan, pero eu xa estou tan acostumada sinto un golpe e me deixo estar", comentan os veciños da zona. Outro engade: "doutra vez, hai non moito, outro coche estampou aí e non tardaron moito en volvela facer".

Desta vez a escultura permanece en pé, malia que escorou un pouco.

Os veciños xa están afeitos a este tipo de sucesos: "bastantes coches se estampan nesta glorieta, concretamente, o porqué non o sabemos. Non sei, e iso que hai moitísimos semáforos dende esta rotonda ata a praza de América, pero os motivos ninguén os entende aínda", comenta unha muller, e outro lembra cando, hai dez anos, "mesmo cando a estaban a facer se meteu un coche dentro do burato que estaban a facer". Outra dí que "veñen desnortados".

Segundo testemuñas, o condutor deu un volantazo para evitar bater contra outro coche. Perdeu o control e acabou subido na zona axardinada. O vehículo quedou inmobilizado dentro da rotonda e foi necesaria a intervención dun guindastre para sacalo de aí.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade