Unha segunda axente di que tamén sufriu unha agresión por parte do exnúmero 2 da Policía
A muller asegura que sufriu un episodio semellante, e xa contactou co avogado da suboordinada que denunciou
O letrado pediu protección ao xulgado porque desconfía da propia Policía
O sindicato policial Jupol, PP e Vox piden a dimisión do ministro Grande-Marlaska
Unha segunda axente tamén sufriu un episodio semellente ao que denunciou hai uns días outra policía por parte do exdirector adxunto operativo, José Angel González. Así o manifestou este luns o avogado da querelante, Jorge Piedrafita, quen manifestou que esa muller xa se puxo en contacto con el.
O avogado pide que sexa a Garda Civil quen estude as probas
Ademais pediu protección ao xulgado porque desconfía da propia Policía e esixiu máxima reserva sobre as probas que entregaron e tamén que sexa a Garda Civil o corpo encargado de examinalas. Piedrafita teme inxerencias da cúpula da Policía Nacional, e por iso quixeron ter contacto directo co ministro do Interior.
Fernando Grande-Marlaska tivo este luns en axenda un único acto cun embaixador e non fixo declaracións. O PP esixe a súa dimisión e o PSOE compara o caso coa denuncia de acoso ao alcalde popular de Móstoles.
Medio cento de policías do sindicato Jupol, xunto con representantes do PP e Vox, concentráronse este luns diante do Ministerio do Interior, para esixir a dimisión de Fernando Grande-Marlaska e do director da Policía, Francisco Pardo, tras a denuncia por agresión sexual contra o exnúmero dous José Ángel González.